- Marcos Borrageros: “O portal de transparencia do Concello non pode ser unha carcasa baleira nin unha xincana dixital deseñada para que a veciñanza desista de buscar información”.
- A formación nacionalista presenta unha moción para que se actualicen de inmediato os datos económicos, de patrimonio e contratación, bloqueados desde hai anos.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Estrada presentou unha moción na que reclama a reestruturación e actualización urxente do Portal de Transparencia do Concello. A formación nacionalista denuncia o incumprimento flagrante das obrigas legais por parte do Goberno local, tras constatar nunha análise rigorosa o estado de abandono e opacidade no que se atopa esta ferramenta pública.
O candidato do BNG á alcaldía, Marcos Borrageros, foi tallante ao lembrar que “a transparencia na xestión pública non é unha mera opción política nin un acto de cortesía para coa veciñanza; é unha obriga legal estrita, un piar fundamental da democracia e unha ferramenta indispensable para garantir o dereito da cidadanía a unha boa administración”.
Unha “xincana dixital” para ocultar información
Na moción presentada, o BNG detalla graves deficiencias no funcionamento do portal, cualificándoo de “ineficaz”. Borrageros puxo como exemplo a “nula usabilidade” á hora de acceder ás ordes do día e ás actas do Pleno e da Xunta de Goberno Local. Na actualidade, ao acceder a este apartado, o primeiro que visualiza o usuario son datos do ano 2021.
“É inadmisible que para acceder á acta do pleno de abril de 2026 sexan necesarios 8 clics de rato, e a situación aínda se agrave máis na Xunta de Goberno Local, onde para recuperar un documento deste ano cómpre premer ata 24 veces”, criticou o candidato nacionalista, quen sinalou que isto incumpre totalmente o principio de facilidade de acceso que esixe a lei.
Opacidade económica e baleiro absoluto en patrimonio e axudas
Máis alá das barreiras técnicas, o BNG denuncia un “baleiro absoluto” en áreas cruciais para a fiscalización pública. No bloque de información “ECONÓMICA”, o único que figura a día de hoxe é o orzamento do ano 2022, mentres que os apartados de gastos e débedas están totalmente baleiros. A mesma opacidade repítese nos datos relativos ao patrimonio municipal, á contratación de servizos e ao espazo de axudas e subvencións, que carecen por completo de contido.
“Un portal de transparencia na administración local non pode ser unha carcasa baleira nin unha xincana dixital deseñada para que os veciños e veciñas desistan de buscar información. O Concello da Estrada debe cumprir escrupulosamente a legalidade e corrixir estas eivas de xeito inmediato”, sentenciou Borrageros.
Demandas do BNG ao PlenoA través desta iniciativa, o BNG somete á consideración do Pleno a adopción de tres acordos urxentes:
- Reestruturación urxente do portal: Modificar o sistema de presentación de datos para que sexa accesible e intuitivo, eliminando a necesidade de realizar ducias de clics para consultar as actas e ordes do día.
- Actualización inmediata: Publicar todos os orzamentos posteriores a 2022, os estados de gastos, a débeda municipal, o inventario do patrimonio, así como a información de contratación, axudas e subvencións.
- Protocolo de mantemento: Establecer un control rigoroso por parte dos servizos técnicos do concello para garantir que a información pública se manteña actualizada en tempo e forma, cumprindo coas leis de transparencia estatal e galega.

