HomeTabeirósA EstradaBNG leva novamente ao Parlamento a mellora do acceso ao centro médico...

BNG leva novamente ao Parlamento a mellora do acceso ao centro médico do Souto de Vea

- Anuncio -spot_img


Xoán Reices: “É incomprensíbel o desleixo da Xunta con este centro médico e especialmente cos veciños e veciñas que fan uso del a diario”

O BNG da Estrada traslada, a través da deputada Ariadna Fernández, a mellora do acceso ao centro médico do Souto de Vea.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, “moito choveu desde que en febreiro de 2011, hai xa 14 anos, o Parlamento Galego aprobara por unanimidade, a instancias do BNG, a mellora do acceso ao centro médico do Souto de Vea. Desde aquela a Xunta nada fixo, a pesar que de os nosos deputados e deputadas rexistraban emendas aos orzamentos para que esta mellora fose unha realidade”.

“É incomprensíbel o desleixo da Xunta con este centro médico e especialmente cos veciños e veciñas que fan uso del a diario”, explica Reices, “tendo que facer verdadeiras manobras para acceder con seguranza ao centro de saúde”.

“A nosa deputada, Ariadna Fernández”, apunta o concelleiro do BNG, “leva novamente esta iniciativa ao Parlamento; non agardamos milagres, mais si agardamos que o goberno de Rueda teña un mínimo de sensibilidade cos veciños e veciñas de Vea, así como os e as profesionais do SERGAS que alí traballan”.

A especial preocupación reside no acceso dende a estrada ao centro, incómodo e perigoso en ambos sentidos de circulación e cunha sinalización moi deficiente. Para abandonar o centro ocorre o mesmo, a saída ten unha pendente moi pronunciada a través da que os usuarios cos vehículos se deben incorporar á estrada PO-841 de tráfico intenso e dende a que só se pode tomar dirección Santiago. Deste xeito, a maiores de incorporarse nunha zona de visibilidade dubidosa ao tratarse dunha zona de curvas, o cambio de sentido debe realizarse noutra localización, factores que dificultan a chegada e o abandono do centro de saúde.

Publicacións Relacionadas