O Concello de Oia levou a cabo diversas actuacións de mellora da eficiencia enerxética da Oficina de Turismo, cun investimento de 30.000 euros financiado con fondos europeos Next Generation EU, a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Oia Natural, no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do Ministerio de Industria e Turismo.
A intervención tivo como obxectivo principal mellorar as condicións de eficiencia enerxética e de confort térmico do edificio, así como actuar sobre a súa envolvente, mantendo a integración da edificación no contorno histórico no que se localiza. As melloras permitiron que a Oficina de Turismo contase xa nesta tempada estival con unhas instalacións renovadas para a atención de peregrinos e visitantes.
Entre as actuacións executadas inclúese a renovación da carpintaría exterior, coa instalación de novas ventás e dunha porta de madeira, adaptadas ás características arquitectónicas do edificio e do contorno do Arrabal. Tamén se procedeu ao peche do oco correspondente á ventá esquerda da planta baixa, recuperando a configuración orixinal da fachada.
A actuación incluíu igualmente o illamento térmico interior da planta superior e da cuberta, co obxectivo de reducir as perdas térmicas e mellorar o comportamento enerxético do inmoble. Así mesmo, renovouse a varanda da fachada, completando as actuacións de mellora do exterior da edificación.
Con esta actuación, o Concello de Oia continúa coa mellora dos seus equipamentos turísticos e coa adecuación das infraestruturas vinculadas á atención de visitantes e peregrinos, incorporando criterios de eficiencia enerxética e mantendo a integración das intervencións co patrimonio arquitectónico do municipio.

