A iniciativa, organizada por alumnas do IES Illa de Tambo co apoio da asociación Más Debate, celebrarase o 12 de decembro e terá a súa gran final nunha das dependencias municipais de Marín. As inscricións gratuítas xa están abertas.
Aprender a defender unha idea, falar en público, escoitar opinións diferentes e desenvolver a capacidade de improvisación son algunhas das habilidades que se traballarán en Ágora Debate, un torneo de oratoria que se celebrará en Marín o próximo 12 de decembro e que reunirá a estudantes de 1º e 2º da ESO procedentes de toda Galicia.
O máis especial desta iniciativa é que nace da propia rapazada marinense. Un grupo de alumnas do IES Illa de Tambo, que xa participaron anteriormente como oradoras en competicións organizadas pola Asociación Más Debate, decidiu dar un paso máis e impulsar o seu propio torneo, asumindo a organización dun evento que converterá Marín nun punto de encontro para a mocidade galega interesada na comunicación e no debate.
O proxecto foi presentado no Concello pola alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, xunto coas mozas organizadoras e representantes de Más Debate, que presta apoio ás estudantes no desenvolvemento do proxecto.
Tres probas para aprender a falar, improvisar e defender ideas
O torneo desenvolverase o sábado 12 de decembro no IES Illa de Tambo, coa participación de equipos de diferentes puntos de Galicia formados por unha persoa coordinadora e entre dous e tres oradores.
A competición contará con tres modalidades que permitirán poñer a proba distintas habilidades comunicativas:
● «Sal del paso»: os participantes deberán resolver de maneira orixinal unha situación inesperada proposta polo xurado, poñendo a proba a súa capacidade de reacción e improvisación.
● «Sin esTRES»: os equipos terán que construír unha historia improvisada a partir de tres palabras, traballando a creatividade, a expresión oral e a capacidade de elaborar un discurso coherente.
● «Cara a cara»: unha primeira aproximación ao debate na que os participantes deberán defender unha postura sobre un tema sorteado no momento, aprendendo a construír argumentos e expoñelos diante doutras persoas.
A última fase do evento celebrarase nalgunha das instalacións municipais da vila.
Desde o Concello ponse especialmente en valor que sexan as propias estudantes as que lideren a organización dun evento destas características, demostrando a súa iniciativa e capacidade para desenvolver proxectos que transcenden o ámbito educativo e contribúen a dinamizar a vida cultural e social do municipio.
Inscrición gratuíta para un máximo inicial de 20 equipos
O torneo contará cunha capacidade inicial de 20 equipos participantes, que recibirán unha sesión de formación previa para preparar a competición e familiarizarse coas diferentes modalidades.
A inscrición é totalmente gratuíta e está dirixida a estudantes de 1º e 2º da ESO de toda Galicia.
O prazo de inscrición abrirase proximamente a través dun formulario que o grupo organizador subirá ás súas redes sociais (@agoradebategal).

