Nova cita este venres 25 de setembro ás 18 h na biblioteca municipal con este ciclo posto en marcha polo Concello para transformar a lectura nunha experiencia viva
Unha cadeliña apaixonada polos libros e unha morea de historias recollidas nas súas viaxes polo mundo serán as protagonistas da nova parada dos Venres Rebuldeiros. O ciclo impulsado polo Concello regresa este venres 25 de setembro ás 18.00 horas á biblioteca municipal do Rosal con Historias dun mundo grande, un espectáculo teatral de Bandullo Azul que achegará á rapazada valores como a colaboración, a solidariedade e o respecto a través dos contos, da música e do baile.
Nesta ocasión, pequenos e pequenas coñecerán a Becki, unha cadela que pasa boa parte do seu tempo na biblioteca lendo e escribindo e que abrirá a súa particular maleta de lembranzas para compartir co público nun espectáculo no que a participación terá un papel fundamental.
“Queremos que a biblioteca sexa para os nenos e nenas un lugar ao que teñan ganas de volver, no que os libros se descubran tamén xogando, escoitando, cantando ou compartindo historias”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Para a rexedora propostas como os Venres Rebuldeiros permiten “espertar a curiosidade pola lectura desde idades temperás e facelo, ademais, traballando valores fundamentais para convivir e medrar en comunidade”.
Esta actividade enmárcase no programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, que promove a lectura a través de propostas de narración, espectáculos e actividades pensadas para achegar os libros a públicos de todas as idades.

