Caldas de Reis pechou o ano 2025 incrementando en preto dun 10% o número de contratos laborais rexistrados con respecto a 2024

Redacción

Foron un total de 2.854 os acordos laborais tramitados, unha cifra que tamén é superior á de 2023 e que está entre as máis altas do último lustro

Destaca o incremento de contratacións en mulleres e en persoas de idades comprendidas entre os 25 e os 45 anos

O Concello de Caldas de Reis veu incrementado de maneira substancial, ao longo do ano 2025, o número de contratos rexistrados. Así o demostran os datos que manexa o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que cifra en 2.854 os acordos contractuais firmados para a contratación de persoas. Esta cantidade supón unha variación interanual de case un 10% en positivo con respecto ao exercicio anterior en 2024. O alcalde, Jacobo Pérez, incide na importancia de continuar mellorando estes rexistros, algo “no que desde o Goberno local estamos a traballar desde o primeiro momento neste eido cunha política, útil, activa e realista, aínda que non sexa unha competencia directa da Administración municipal”. O Concello pon a disposición da cidadanía diferentes ferramentas, propostas, ciclos, programas e cursos que permitan facilitar a conciliación, así como potenciar os recursos para acadar unha busca máis efectiva de traballo ou para emprender. Todo isto sen esquecer o asesoramento e as pautas que se achegan a través do Programa Integrado de Emprego (PIE).

Os preto de 3.000 contratos rexistrados cos que se pechou o ano 2025 superan os 2.601 correspondentes a 2024. A tendencia nos últimos exercicios é á alza, como demostra que anteriormente tamén houbo un incremento (2.591 contratos en 2023). O de 2025 foi o segundo mellor rexistro do lustro, só superado polo tope de 3.265 acadado en 2022. No que se refire ao perfil de contratacións, destaca o incremento de altas en mulleres (1.494 novos contratos, cunha variación positiva de preto do 14% con respecto ao ano pasado). En franxa de idades, o maior incremento de altas deuse en veciños e veciñas de idades comprenddias entre os 25 e os 45 anos. En canto a colectivos de atención prioritaria para a política de emprego, o SEPE cifra en máis dun milleiro os contratos rexistrados en favor de mozos de idades inferiores a 30 anos, mentres que persoas maiores de 45 tramitaron 827 contratos.

Estas cifras demostran a boa saúde que presenta o Concello de Caldas de Reis en materia de emprego. Jacobo Pérez reafirma o compromiso do Goberno local á hora de seguir promovendo iniciativas que axuden a potenciar a formación e facilitar as insercións laborais, así como o emprendemento e o inicio de novos proxectos profesionais. Precisamente, cómpre lembrar que nas vindeiras semanas porase en marcha unha nova edición do Obradoiro de Emprego, a través do cal se contratarán a 20 persoas, de xeito temporal, para a realización de traballos de mellora en mantemento en diferentes lugares, como a contorna da Fervenza do Segade. A día de hoxe, Caldas de Reis conta cunha porcentaxe de paro que está por debaixo do 9%, o que se traduce no mellor rexistro do que vai de século. “Mesmo melloramos as cantidades que había en 2006 e 2007, na época previa á gran crise económica de 2008, cando o desemprego local estaba nun 15% aproximadamente”, explica Pérez Gulín, que reafirma que o Goberno local non só dispón de ferramentas e accións para mellorar estas cifras a corto prazo, senón que tamén traballa para incrementar no futuro a oferta laboral, máis alá do sector turístico, de xeito definitivo. “Somos ambiciosos e queremos consolidar a Caldas de Reis como lugar de referencia empresarial no interior da provincia de Pontevedra e, para iso, un primeiro paso decisivo será aprobar o borrador do convenio con Zona Franca para o desenvolvemento definitivo do polígono de Paradela-Carracedo”, lembrou o rexedor, incidindo en que este documento “sentará as bases dos vindeiros 50 anos da nosa vila”.

Comparte este artigo