Aproveitou a visita do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra, Xosé Flores, para evidenciarlle as deficiencias estruturais que presenta o centro médico que fan necesario afrontar nun futuro próximo a súa substitución.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e o tenente de alcalde David Carrera puxeron a disposición da Xunta uns terreos municipais para a construción dun novo Centro de Saúde que poida substituir ao actual que presenta continuos problemas estruturais que fan necesario a curto prazo a súa substitución.
Esta foi a principal proposta feita polos responsables municipais durante a visita realizada polo xerente da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, Xosé Flores, ao Centro de Saúde da Lama para comprobar, in situ, as deficiencias que acumula este vello edificio no que os problemas de humidade e de calefacción son constantes.
Desde hai meses, o Concello da Lama e o propio Sergas están acometendo toda unha serie de obras de mantemento e rehabilitación para parchear problemas estruturais que presenta o edificio. Pese a que seguirán implementándose solucións a problemas de humidades por unha cuberta que xa non dá máis de si, o alcalde Jorge Canda plantexoulle aos responsables sanitarios a necesidade de asinar un convenio entre a Consellería de Sanidade e o Concello da Lama para a construción dun novo Centro de Saúde.
O CONCELLO DISPÓN DE TERREOS QUE CEDERÍA DE INMEDIATO
O alcalde, Jorge Canda, puxo sobre a mesa varias ubicacións posibles en terreos municipais dos que xa dispón o Concello para poder ceder de inmediato como xeito de contribuir ao convenio.
Os responsables técnicos que acompañaban a Xosé Flores tomaron nota do ofrecemento que será sopesado polo propio conselleiro, Julio García Comesaña, e os responsables da Consellería para traballar de cara a un futuro inmediato nesa alternativa defendida polo alcalde Jorge Canda e o tenente de alcalde David Carrera.