Cinemas Ocultos reúne en Cangas oito días de cinema galego, estatal e internacional

Redacción

A XXI Semana de Cine de Cangas reunirá do 2 ao 9 de outubro cinema galego, estatal e internacional, animación e títulos recoñecidos nos principais festivais

Baixo o lema «Celebracións», Cineclub Cangas reivindica a sala de cinema como espazo de encontro, descubrimento e experiencia colectiva.

O cinema volverá tomar o Auditorio Municipal de Cangas do 2 ao 9 de outubro coa celebración de Cinemas Ocultos 2026 – XXI Semana de Cine de Cangas. Durante oito días, o Cineclub Cangas reunirá unha selección de cinema galego, estatal e internacional con películas recoñecidas en festivais como Berlín, San Sebastián, Málaga, Annecy ou Seminci xunto con espazos específicos para as curtametraxes galegas e o público infantil.

Alberto Vázquez, Lila Avilés, Milagros Mumenthaler, Gonzaga Manso, Cyril Aris ou Ángel Santos son algúns dos cineastas que se proxectarán nunha edición que combina animación, novas autorías e cinematografías de diferentes procedencias coa aposta da organización pola creación audiovisual galega.

A programación articúlase este ano arredor de «Celebracións», un concepto que vai máis alá da festa para reivindicar algo esencial na historia do Cineclub Cangas: o acto de atoparse arredor dunha pantalla e compartir unha película. Celebrar é volver á sala, descubrir historias e miradas que doutro xeito poderían quedar fóra dos circuítos habituais e continuar falando delas cando se acenden as luces.

Pero «Celebracións» tamén adquire un significado especial en 2026. Este mes de decembro cumpriranse 50 anos daquela primeira proxección cineclubista celebrada en Cangas en 1976, un fito que abriu o camiño á creación do Cineclub Cangas e que serve agora de antesala á celebración, en 2027, do cincuentenario da entidade.

Desde a organización destacan que esta efeméride permite mirar cara á historia do Cineclub, pero tamén cara ao futuro e, sobre todo, reivindicar aquilo que permanece despois de cinco décadas: a experiencia de descubrir e compartir cinema nunha sala.

Oito días de cinema e unha sesión especial para as familias

A XXI Semana de Cine abrirase o venres 2 de outubro con Así chegou a noite, de Ángel Santos, unha película ambientada na costa galega arredor dun escultor que se illa voluntariamente do seu contorno ata que a aparición dun antigo amor o obriga a enfrontarse ás razóns da súa fuxida.

O sábado 3, continuará cunha sesión ás 18.00 horas especialmente dirixida ao público infantil e familiar. Proxectarase Un barco no xardín (Slocum et moi), de Jean-François Laguionie, nomeada ao Cristal á mellor longametraxe no Festival de Annecy. Xa ás 21.00 horas poderá verse Jone, ás veces, de Sara Fantova, unha historia sobre o primeiro amor e o tránsito á vida adulta atravesada pola enfermidade dun pai.

A programación seguirá o domingo con Tótem, da mexicana Lila Avilés, presentada na sección oficial da Berlinale; e o luns con As correntes, de Milagros Mumenthaler, Premio RTVE Otra Mirada no Festival de San Sebastián e candidata á Cuncha de Ouro.

Galicia en Curta reúne seis propostas do audiovisual galego

O martes 6 de outubro será unha das xornadas con maior presenza galega da Semana. Ás 21.00 horas, Galicia en Curta reunirá seis curtametraxes recentes que amosan a diversidade de voces, formatos e linguaxes do audiovisual galego.

A sesión estará formada por Brom Brom Follar, de Sohu, Premio da Mocidade en Filmadrid 2026; Algo novo que contar, de Paula Pereira; Afeminadas, de Catuxa Prieto e Carlos Barba;
O corpo de Cristo, de Bea Lema, recoñecida co Premio Quirino ao desenvolvemento visual; Cara de cona, de Guillermo de Oliveira; e Boca de asno, de Carlos Calvar.

Do terror e o surrealismo á sexualidade, a saúde mental, a comedia negra ou o absurdo, a sesión volve reservar un espazo propio ás novas miradas do cinema galego e ao formato curto, unha das apostas de Cinemas Ocultos nos últimos anos.

Escolas ao Cine leva a Semana ás novas xeracións

Antes de Galicia en Curta, o martes 6 comezará desde primeira hora coa nova edición de Escolas ao Cine, a iniciativa coa que Cineclub Cangas achega a experiencia cinematográfica ao público escolar.

Haberá dúas sesións, ás 10.00 e ás 12.00 horas, de Pequena Amélie, de Mailys Vallade e Liane-Cho Han Jin Kuang, adaptación da obra de Amélie Nothomb e unha das propostas de animación destacadas da programación. Con Escolas ao Cine e coa sesión infantil do sábado, Cinemas Ocultos reforza nesta edición unha das súas liñas de traballo: crear novos públicos e facilitar que nenos, nenas e mocidade descubran o cinema tamén como experiencia cultural compartida.

Do mar de Galicia a Beirut para completar a Semana

A recta final de Cinemas Ocultos volverá combinar cinema galego e internacional. O mércores 7 proxectarase Dous días, de Gonzaga Manso, Premio do Público no Festival de Málaga 2026, unha historia protagonizada por dous homes maiores que saen a pescar nunha chalana e acaban á deriva no mar mentres caen a noite e a néboa.

O xoves 8 será a quenda de Un mundo fráxil e marabilloso (A Sad and Beautiful World), de Cyril Aris. A historia de Nino e Yasmina percorre tres décadas dun Beirut marcado polo amor, as feridas do pasado e a disxuntiva entre quedar ou marchar. O filme chega a Cangas despois de recibir premios do público en certames como Kosmorama, Ottawa, Giornate degli Autori ou Seminci.

A Semana despedirase o venres 9 con Decorado, a nova longametraxe de animación de Alberto Vázquez, unha historia sobre un rato atrapado nunha crise existencial que comeza a sospeitar que o mundo no que vive é unha farsa.

Cine universal desde Cangas

Detrás de Cinemas Ocultos hai unha historia que en 2026 alcanza unha data especialmente significativa. En decembro cúmprense 50 anos da primeira proxección cineclubista celebrada en Cangas, en 1976, á que seguirían novas sesións en 1977 e o inicio da programación regular de Cineclub Cangas en 1978. Dez anos despois, en 1988, nacía a primeira Semana de Cine.

Ao longo destas décadas atravesou peches de salas, dificultades económicas e importantes transformacións na maneira de producir, distribuír e consumir audiovisual. Hoxe, promovido pola Asociación Cívico-Cultural Xiria, mantén viva en Cangas unha programación que aposta por achegar ao público películas que non sempre atopan espazo nos circuítos comerciais.

Nesa traxectoria, o Cineclub reforzou especialmente o seu compromiso co cinema galego, as curtametraxes, o público infantil e a creación de novos espectadores, ademais de favorecer, sempre que é posible, o encontro entre o público e as persoas que fan as películas.

Por iso, o lema «Celebracións» funciona tamén como ponte entre dúas datas: os 50 anos daquela primeira proxección cineclubista de decembro de 1976 e o cincuentenario de Cineclub Cangas que chegará en 2027. Unha celebración que non pretende mirar ao pasado desde a nostalxia, senón poñer en valor que, medio século despois daquela primeira pantalla, Cangas continúa sendo un lugar no que unha comunidade se reúne para descubrir cinema.

Do 2 ao 9 de outubro, Cinemas Ocultos volverá abrir esa pantalla. Celebramos o cinema como máis nos gusta: vendo cinema.

Comparte este artigo