HomePontevedraDezaCompradores alimentarios de 16 países que inclúen dende Costa Rica ata Emiratos...

Compradores alimentarios de 16 países que inclúen dende Costa Rica ata Emiratos Árabes buscarán produtos nos Encontros de Salimat Abanca 2025

- Anuncio -spot_img

OS EXPOSITORES DESTE SALÓN DE ALIMENTACIÓN DO ATLÁNTICO REUNIRANSE CON 31 COMPRADORES NACIONAIS E INTERNACIONAIS DURANTE O PRIMEIRO DÍA E MEDIO DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 5 AO 8 DE XUÑO XUNTO Á LA FEIRA ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA

O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que celebrará a súa 28ª edición do 5 ao 8 de xuño xunto á feira Abanca Semana Verde, volverá desenvolver os seus Encontros Internacionais de Compradores, un espazo de negocio que facilita ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países.

Nesta ocasión os expositores do salón terán a oportunidade de mostrar os seus produtos a 31 importadores e distribuidores alimentarios de dezaseis países, como son Alemaña, Austria, Bulgaria, Costa Rica, Dinamarca, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza.

Deles, vinte e dous son importadores e os restantes son compradores nacionais, correspondéndose con cinco distribuidores e catro cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés e Lidl.

Na súa inmensa maioría mostraron a súa preferencia en coñecer aceites, viños e outras bebidas, queixos e lácteos, conservas, elaborados cárnicos, snacks ou mel, ademais de produtos gourmet, ecolóxicos e de pequenos produtores.

Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2025, os cales contan co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentaria de Galicia (Clusaga), posibilitarán ás empresas presentar directamente os seus produtos aos compradores a través de reunións axendadas en función dos intereses de ambas as partes. Estas serán durante todo o primeiro día e ata o mediodía da segunda xornada do certame.

Son así unha eficaz ferramenta comercial, especialmente para a pequena e mediana empresa, a cal ten a posibilidade de que as súas propostas sexan incluídas na carteira de produtos dos compradores e os lineais da gran distribución.

Visitas en distintos puntos de Galicia

Ademais das reunións de negocio, os Encontros Internacionais de Compradores incluirán desde o venres 6 de xuño pola tarde e ata o domingo día 8 de xuño pola mañá unha actividade na que participarán moitos dos importadores e distribuidores. Esta consistirá en visitas a varias empresas galegas e tamén a distintos enclaves turísticos de interese da Comunidade.

Publicacións Relacionadas