A iniciativa, difundida a través das redes sociais e de carteis nas zonas de baño, aposta por unha comunicación positiva para promover o respecto e a convivencia na contorna natural
O Concello lanza en colaboración co grupo de participación infantil e xuvenil rosaleiro Fogaric@s unha campaña de sensibilización en redes sociais e a través de carteis nas zonas de baño do Rosal que busca promover boas prácticas de convivencia nos espazos naturais do municipio a través dunha comunicación clara, amable e accesible, e coa participación das voces máis novas da comunidade.
A campaña parte da idea de que os espazos naturais son lugares compartidos que requiren atención, respecto e responsabilidade común. Para trasladar esta mensaxe, a proposta aposta por pequenas accións individuais que contribúan ao benestar colectivo e ao coidado da contorna, centrándose nunha narrativa positiva e próxima que calquera persoa poida facer súa.
Todo isto articúlase baixo unha identidade visual recoñecible, con ilustracións sintéticas e formas naturais que dotan á campaña dunha estética coherente e unha narrativa propia. Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “esta campaña é un exemplo de como queremos traballar dende o Concello: escoitando á veciñanza de todas as idades, dándolles voz e ferramentas para que sexan parte activa da vida do municipio”.
Mentres, pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, destacou o enfoque innovador da iniciativa. “Queriamos facer unha campaña que non lle fale á xente desde arriba, que non sexa un listado de prohibicións, senón que convide a reflexionar e a actuar desde o respecto e o afecto pola nosa contorna”, recordou a edil, que subliñou que a participación de Fogaric@s na campaña vai máis alá dunha acción puntual. “Estamos formando persoas que entenden que o coidado do medio natural non é unha obriga, é unha responsabilidade compartida que empeza por un mesmo”, rematou.

