A alcaldesa do Concello de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, reuniuse con Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAGA), con motivo do Día Internacional do Alzheimer, para asinar a cesión de uso do Centro Social do Maior, en Leirado.
Esta cesión ten como obxectivo continuar avanzando no desenvolvemento de iniciativas destinadas á prevención do Alzheimer e á promoción da saúde cognitiva das persoas maiores. Neste espazo seguirá desenvolvéndose o programa «Cultiva a Mente», ao tempo que se porá en marcha un novo programa específico dirixido a persoas diagnosticadas con Alzheimer, centrado na estimulación cognitiva e funcional.
Neste contexto, o Centro Social do Maior converterase tamén no «Lar da Memoria de Salvaterra de Miño», un espazo destinado a ofrecer atención e actividades específicas para as persoas participantes e as súas familias.
Durante a reunión, AFAGA trasladou ademais ao Concello unha declaración que será presentada no próximo Pleno municipal, coa finalidade de solicitar ao Ministerio de Sanidade o financiamento público de novos tratamentos para a enfermidade de Alzheimer.
Desde o Concello de Salvaterra de Miño destacan a importancia de continuar colaborando con AFAGA e de impulsar iniciativas que contribúan á prevención, á atención e á mellora da calidade de vida das persoas afectadas polo Alzheimer e das súas familias.

