Convocada una concentración con corte na N-550 para reclamar actuacións urxentes na estrada estatal

Redacción

A Comisión de Seguimento da N-550 reuniuse esta mañá no Concello de Mos con carácter de urxencia tralo atropelo dunha peregrina rexistrado esta semana na estrada nacional, á altura do cruce co Camiño da Quiringosta. Este novo sinistro, que se suma ao accidente frontal rexistrado recentemente nesta mesma vía á altura da parroquia de Mos, volve poñer de manifesto a necesidade de adoptar medidas inmediatas para mellorar a seguridade na N-550 ao seu paso por Mos. 

Na reunión acordouse, por unanimidade dos asistentes, comunicar á Subdelegación do Goberno a convocatoria dunha concentración con corte da circulación na N-550, que terá lugar o vindeiro 4 de agosto ás 13:00 horas, á altura do cruce co Camiño da Quiringosta, lugar no que se produciu o último atropelo.

Cabe destacar que o PSOE non asistise a esta reunión extraordinaria da Comisión de Seguimento, convocada para analizar a situación tras o último accidente e acordar novas medidas de mobilización en defensa da seguridade viaria.

Esta decisión adoptada hoxe chega despois de que o pasado 10 de xullo a Comisión de Seguimento da N-550 promovese unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar unha resposta ás reiteradas peticións de actuación formuladas polo Concello e polos colectivos veciñais, sen que ata o momento se producisen avances nas demandas trasladadas á Administración do Estado. 

A Comisión de Seguimento considera que a situación da N-550 require unha resposta inmediata por parte da Administración Xeral do Estado e fai un chamamento á participación da veciñanza nesta concentración para reclamar as actuacións necesarias que permitan mellorar a seguridade dos peregrinos, dos peóns e do conxunto das persoas usuarias desta estrada.

“Cada novo accidente confirma que o problema existe e que non se está actuando coa rapidez que a situación require”, apunta a alcadesa de Mos, Nidia Arévalo. “Nós cumprimois cosa nosa obriga, advertindo reiteradamente dos riscos e reclamando solucións. Agora é o momento de que quen ten as competencias deixe de mirar para outro lado e execute as actuacións necesarias antes de que teñamos que lamentar consecuencias aínda máis graves”, engade.

Comparte este artigo