A terceira edición deste programa posto en marcha polo Concello reuniu a 15 mulleres nun espazo de autocoidado, aprendizaxe e sororidade
Coidar a quen coida é tamén construír comunidade. Con esta filosofía, o Concello do Rosal vén de pechar a terceira edición de ‘Cultivando Coidados’, un programa dirixido a mulleres coidadoras que entre abril e xullo converteu o antigo mercado de San Miguel nun espazo para compartir experiencias, aprender a coidarse e tecer vínculos capaces de continuar unha vez rematadas as sesións.
Nesta edición participaron 15 mulleres, nove delas xa vinculadas a edicións anteriores e seis que se incorporaron por primeira vez. A combinación de participantes veteranas e novas permitiu crear desde o inicio un clima de confianza e acompañamento que foi medrando ao longo de todo o proceso.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta que “as persoas coidadoras dedican unha parte enorme do seu tempo, da súa enerxía e mesmo da súa vida a atender as necesidades doutras persoas e demasiadas veces esquecen as propias. Con Cultivando Coidados queremos poñelas no centro, ofrecerlles tempo e ferramentas para elas mesmas e, sobre todo, lembrarlles que para coidar tamén é imprescindible coidarse”.
O programa desenvolveuse ao longo de 14 sesións cunha metodoloxía participativa e vivencial na que se abordaron cuestións como o autocoidado, as emocións, a comunicación asertiva, a capacidade para poñer límites, a carga invisible dos coidados, os estereotipos e roles de xénero, as violencias machistas ou a importancia das redes e da sororidade. As dinámicas combinaron educación emocional, xogos cooperativos, técnicas narrativas, reflexión e actividades creativas.
Unha rede que continúa fóra do obradoiro
Un dos resultados máis importantes desta edición foi que Cultivando Coidados deixou de ser só un encontro semanal para converterse nunha verdadeira rede entre mulleres. As participantes comezaron a organizarse para compartir desprazamentos, momentos de lecer ou acudir xuntas a outras actividades e, unha vez finalizado o programa, mantiveron o contacto e realizaron xa encontros pola súa conta.
“Ese é probablemente un dos maiores éxitos do proxecto: comprobar que os vínculos creados permanecen. Non falamos unicamente de aprender ferramentas de autocoidado, senón de sentirse acompañadas, escoitadas e recoñecidas por outras mulleres que comprenden o que significa coidar”, destaca a rexedora.
‘Cultivando Coidados’ consolídase así como un proxecto municipal de referencia para o benestar e o autocoidado das mulleres, contribuíndo a previr o esgotamento e o illamento e a fortalecer as redes locais de apoio, a participación e o tecido comunitario.

