Domínguez buscará “fórmulas de diálogo” con Puentes para “botar” a Lores da alcaldía

adminON
Lectura mínima de 3

• O líder da oposición ofrecerá ao socialista a posibilidade de reabrir Raíña Victoria, devolver o mercadillo ao centro, mellorar as condicións laborais dos traballadores municipais, destapar o río de Vos Gafos ou humanizar barrios e parroquias

• “Sinto a responsabilidade de dar un paso á fronte para cambiar o rumbo decadente do Concello de Pontevedra cara a un modelo de portas abertas para todos os veciños, sen sectarismos e cun modelo de xestión do 2024, e non do século pasado”

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, poñerase en contacto co portavoz municipal do Partido Socialista, Iván Puentes, para buscar unha alternativa para botar ao Bloque Nacionalista Galego e a #Miguel Anxo Fernández Lores da alcaldía.

“Como gañador das eleccións, sinto a responsabilidade de dar un paso á fronte, e poñerme en contacto co outro partido da oposición, para explorar as posibilidades de negociar unha alternativa para cambiar o rumbo decadente do Concello de Pontevedra. Quero un Concello coas portas abertas aos seus veciños, sen sectarismos e cunha xestión do ano 2024, non do século pasado. Os responsables políticos debemos dialogar e acordar, no canto de perder o tempo en disputas estériles”, sostivo o líder da oposición.

Domínguez considera que a “debilidade” de Lores acentuouse, tras non aprobarse a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos, pola falta de acordo entre nacionalistas e socialistas. A terceira forza política de Pontevedra optou por entorpecer a “gobernabilidade” do alcalde, a pesar de que, fai só seis meses, os seus cinco votos foron decisivos para a investidura de Lores.

Ante a posibilidade de chegar a un acordo, o portavoz municipal dos populares ofreceralle ao seu homólogo socialista pactar o cumprimento dos programas electorais que ambos defenderon nas municipais: “A miña proposta baséase en mellorar a vida dos pontevedreses. Movo ficha pensando, exclusivamente, en Pontevedra. Agora, a pelota está no tellado de Puentes, debe escoller se quere cumprir o seu programa ou quere que Lores continúe de alcalde”.

Se o socialista aceptase a oferta do popular; produciríase a ansiada reapertura de Raíña Victoria, o traslado do mercadillo ao centro, a aplicación da RPT dos traballadores municipais, a humanización de Monte Porreiro e o coidado das parroquias, a mellora da contorna fluvial do Lérez, o destape do Gafos ou o financiamento das viaxes de estudantes ao Reino Unido para estudar inglés, entre outras actuacións.

Comparte este artigo