- O presidente local do Partido Popular quere un transporte público “que chegue a todas as parroquias, que non abandone aos veciños e que será gratuíto para todos os empadroados en Pontevedra”
- Domínguez aposta por autobuses eléctricos e considera moi importante reforzar as liñas para que cheguen tamén a todos os centros de saúde da cidade e o Hospital Montecelo, tanto para usuarios como para traballadores
O presidente local do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe na parada de autobuses da Praza de Galicia a súa proposta para mellorar o transporte público no Concello de Pontevedra, que actualmente “é claramente insuficiente e non responde ás necesidades dos cidadáns”, explicou.
“Desde o Partido Popular queremos un transporte público que chegue a todas as parroquias, que non abandone aos veciños” e que conte con máis liñas e con máis frecuencias para que todos os pontevedreses que viven no rural teñan unha axeitada comunicación co centro da cidade. Neste momento, nin as frecuencias son suficientes nin hai igualdade de conexións entre todas as parroquias.
“Ademais, queremos reconfigurar as dúas liñas actuais de transporte público para que cheguen a puntos vitais como os centros de saúde”, indica Domínguez, que se deben “reforzar as conexións de transporte público con Montecelo. Nos vindeiros meses serán moitas as persoas que acudan a Montecelo” vén como usuarios ou como traballadores “e non hai transporte público suficiente para o momento da unificación”, explicou o líder do PP de Pontevedra.
UN TRANSPORTE PÚBLICO GRATUÍTO E ECOLÓXICO
O líder dos populares pontevedreses aposta firmemente polo transporte público para todos os pontevedreses “porque penso que é un dereito”. Por iso Rafa Domínguez anunciou hoxe que coa súa chegada á Alcaldía de Pontevedra en maio de 2027, “o transporte público será gratuíto para todos os empadroados en Pontevedra. Non terán que pagar nada. Porque canto máis empreguemos o autobús en Pontevedra, menos coches haberá”.
Actualmente en Pontevedra só se dispón de dúas liñas de transporte urbano que, claramente son insuficientes para ofrecer un servizo de calidade á cidadanía. Ademais, a posta en marcha do Coche de Punto “non está a funcionar, non é eficiente nin eficaz”, explica Domínguez, que recorda que desde que se implantou este sistema reduciuse significativamente a dispoñibilidade de taxis para os desprazamentos ordinarios nas rúas do centro de Pontevedra.
Para o líder dos populares de Pontevedra, o que realmente funciona é un transporte público con máis liñas e máis frecuencias para que todas as parroquias do rural de Pontevedra estean conectadas permanentemente co centro da cidade. Domínguez remata indicando que outras cidades galegas como Vigo, Santiago ou Coruña teñen tamén moita poboación rural e están moito mellor conectadas que a cidade de Pontevedra. “O transporte público é necesario, funciona e temos que potencialo”, indica Rafa Domínguez.

