Domínguez presenta varias medidas económicas para atraer empresas, xerar emprego e reter talento novo

Redacción


• O líder do PP de Pontevedra lanza unha batería de propostas baseadas na elaboración dun Plan Estratéxico 2035, a creación dunha Oficina Municipal de Captación de Investimentos, axilizar licenzas, reforzar Urbanismo, impulsar máis chan empresarial e celebrar anualmente o foro ‘Pontevedra Inviste’

• Os populares defenden a necesidade de complementar o modelo urbano cunha estratexia económica: “Unha cidade agradable para vivir é importante, pero Pontevedra necesita crear riqueza, atraer investimento e converterse nunha cidade onde sexa doado emprender, traballar e desenvolver un proxecto de vida”

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, defendeu a necesidade de complementar o modelo urbano cunha estratexia económica que permita atraer empresas, xerar emprego de calidade e ofrecer oportunidades de futuro aos mozos para que inicien o seu proxecto de vida na cidade.

Domínguez presentou unha batería de propostas este martes en rolda de prensa baseadas na elaboración dun Plan Estratéxico 2035, acordado co tecido económico e social, para definir os sectores económicos nos que Pontevedra pode ser líder durante a próxima década. Ademais, propuxo a creación dunha Oficina Municipal de Captación de Investimentos especializada en facilitar a implantación de novas empresas.

Así mesmo, o portavoz dos populares considera fundamental que se axilicen de forma drástica a concesión de licenzas municipais mediante a dixitalización dos expedientes, a incorporación das ECCOM e o reforzo do servizo de Urbanismo. “Non pode ser que un empresario espere un ano ou mesmo nalgúns casos dous anos para iniciar un proxecto”, lamentou.

Máis iniciativas do líder do PP de Pontevedra pasan por impulsar máis chan empresarial e tecnolóxico; un programa para atraer empresas innovadoras vinculadas á biotecnoloxía, a economía azul, a saúde, a intelixencia artificial ou as industrias culturais; un plan de retorno do talento para mozos cualificados e a celebración anual dun foro ‘Pontevedra Inviste’ que reúna a empresarios, emprendedores e investidores para proxectar a cidade como un destino atractivo para novos proxectos.

“Nós non queremos unha Pontevedra resignada, con dirixentes ‘a velas vir’. Queremos unha cidade que volva competir, que volva liderar e que volva ser un lugar onde as empresas queiran instalarse e onde os nosos mozos queiran construír un futuro. Se seguimos falando de oportunidades perdidas dentro de dez anos será un fracaso”, asegurou Domínguez.

Despois de 27 anos co mesmo alcalde, o líder dos populares está convencido de que chegou o momento de pasar páxina e consolidar a Pontevedra como un referente económico: “unha cidade agradable para vivir é importante, pero non suficiente. Pontevedra necesita crear riqueza, atraer investimento e converterse nunha cidade onde sexa doado emprender, traballar e desenvolver un proxecto de vida con garantías”.

A reflexión do que será candidato á alcaldía en 2027 produciuse tras coñecerse a chegada a Ferrol dun gran investimento industrial vinculada o grupo automobilístico SAIC. “A cuestión non é compararnos con outras cidades, senón preguntarnos por que esas noticias nunca teñen como protagonista a Pontevedra. Por que cando unha gran empresa busca onde instalarse a nosa cidade nunca aparece entre as opcións?”, cuestionou.

Para Domínguez a resposta reside no conformismo do Gobierno local do BNG e a ausencia dunha estratexia económica. “As empresas buscan cidades con chan dispoñible, licenzas áxiles, seguridade xurídica e administracións que colaboren. Pontevedra ten unha localización privilexiada, excelentes comunicacións, un campus universitario, o porto de Marín e profesionais moi cualificados. O que falta é vontade política e liderado para aproveitar todo ese potencial desde o Concello”, concluíu.

Comparte este artigo