Emocións, saúde e benestar na nova cita coas Cafés en Igualdade

Redacción

A psicóloga clínica Andrea Iglesias protagonizará un encontro arredor da relación entre as emocións e a saúde física e mental

Ás 17.30 h na cafetería A Liga, no Calvario, de balde

O que sentimos tamén deixa pegada no corpo. A ansiedade, o estrés, a tristeza ou a culpa condicionan a saúde moito máis do que ás veces pensamos, e precisamente sobre esa conexión entre emocións e benestar xirará a nova sesión dos Cafés en Igualdade organizados polo Concello do Rosal.

Baixo o título “Como nos enferma ou cura o que sentimos”, a psicóloga clínica Andrea Iglesias ofrecerá o vindeiro xoves 28 de maio ás 17.30 horas na Liga, no Calvario, unha charla aberta á veciñanza na que se abordará a influencia das emocións na saúde física e mental, nun formato próximo, participativo e pensado para fomentar o diálogo colectivo.

Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, os Cafés en Igualdade consolidaron xa espazos de conversa sobre cuestións que afectan ao día a día da veciñanza. “Vivimos nun ritmo que moitas veces nos impide parar e escoitarnos, e iniciativas como esta permítennos abrir reflexións necesarias arredor da saúde emocional, dos coidados e do benestar colectivo”, sinalou.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou que “a saúde emocional segue sendo unha cuestión da que ás veces custa falar, e por iso é tan importante achegar este tipo de encontros á veciñanza desde unha perspectiva accesible, próxima e libre de prexuízos”.

Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.

Comparte este artigo