Esta tarde pechará a terceira edición na casa do pobo do Val Sobral. Unha Feira do Libro que encheu de alegría, de literatura, de contos, de historias e de cultura a carpa de Talo Río. Unha cultura que esta tarde tamén aterrará en Soutomaior.
A maxia chegou a Soutomaior coa Feira do Libro. Unha cita que se celebrou no día de onte, sábado e nesta mañá de domingo na Alameda de Talo Río e que esta tarde chegará a casa do pobo do Val Sobral. Sendo deste xeito a primeira vez que a Feira do Libro chega aos barrios de Soutomaior.
O espectáculo ‘Libros voadores’ do clown Dani Blanco foi o encargado de dar o pistoletazo de saída ás actividades da xornada o sábado. Un día onde Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e Silvia Cernada, concelleira de Cultura dixeron que este ano a Feira ‘é máis inclusiva, feminista, e conta coa programación máis completa dos últimos anos, ademais nesta terceira edición, como novidade, achegamos esta Feira a Soutomaior, coa presenza de actividades durante toda a tarde do domingo na casa do pobo do Val Sobral´.
As editoriais estiveron presentes durante toda a xornada, en horario de 10.00 h. a 21.00 h. Unha feira do libro que este ano contou coa presenza de Antela Ediciones, Edimaes, Hércules Editora, Boadicea Editora, Cuarto de Inverno e Belagua Ediciones.
Durante a xornada do sábado, ademais das editoriais, tamén tiveron lugar un sinfín de actividades e espectáculos para todos os gustos, cores e idades na carpa instalada en Talo Río para este evento. Así, e deste xeito, os máis pequeniños da casa, de 0 a 3 anos, puideron desfrutar da Bebeteca e do seu obradoiro ‘Lendo cos sentidos’. Outra das paradas obrigatorias nesta Feira foi a Petit Furgo onde nun pequeno espazo se sucederon ao longo da xornada grandes historias con pases cada media hora.
Espectáculos como os de: ‘A libraría máxica´ de Bea Campos e Marcos Alonso; ´Travesías. Aventuras de libro´ de Raquel Queizás, a sesión vermú con ‘Covers Lovers’, ‘As máis molonas de Pakolas´ de Paco Pakolas espertaron grande espectáción entre o público conseguindo un cheo absoluto, cabe destacar que grazas ao programa Soutomaior Inclusivo, o espectáculo de Paco Pakolas foi signado.
Éxito dos espectáculos co que tamén contaron as presentacións de libros tales como a de Masha Álvarez con ‘Dakota’; a charla coloquio ‘Mulleres galegas que fan historia’ de Isabel Blanco; a presentación da ‘Banda deseñada cando sopra o vento’ de Kiko Dasilva; a presentación do libro ‘Pedro, o piloto de gaivotas’ do escritor Manuel Darriba e a ilustradora Aida Alonso; a presentación de ‘Universo Bolechas’ con Pepe Carreiro ou a presentación da memoria gráfica de ‘Memorias dun neno labrego’ de Iria Aldegunde ou a charla – coloquio con Xosé Enrique Costas e Sara Rodríguez sobre a lingua galega.
Todo na compaña de moitas actividades destinadas para os máis pequenos e á xuventude do concello, actividades todas elas que encantaron e contaron con moito éxito. Estes obradoiros foron o ‘Pasaporte lector’, o ‘Mapa do tesouro’, ‘Cita a cegas cun libro´(a versión para nenos de 6-12 anos e a de adultos), o obradoiro ‘As mil caras’ ou o ‘Tendal narrativo’.
Hoxe pola tarde esta Feira do Libro chegará por primeira vez a casa do pobo do Val Sobral coas actividades, xogos e contacontos de Bibliofogar en horario de 17.00 a 20.00h.

