IN-RED e o Concello de Nigrán celebran a xornada “Da túa idea ao teu negocio” para impulsar o emprendemento social no ámbito da discapacidade e dos coidados

Redacción

O encontro reunirá iniciativas de economía social, exemplos reais de emprendemento e ferramentas prácticas para transformar ideas en proxectos con impacto social.

O Auditorio de Nigrán acollerá o vindeiro 22 de outubro, en horario de 9:30 a 13:30 horas, a xornada “Da túa idea ao teu negocio: emprender no ámbito da discapacidade e do coidado a través da economía social”, unha iniciativa promovida pola asociación empresarial da discapacidade In-Red Galicia co apoio do Concello de Nigrán, para impulsar o emprendemento social e promover proxectos que dean resposta ás necesidades das persoas e da comunidade.

A xornada busca poñer en valor a economía social como vía para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva, solidaria e comprometida co benestar colectivo. O emprendemento nos ámbitos da discapacidade e dos coidados ofrece oportunidades para xerar actividade económica e emprego, ao tempo que contribúe a fomentar a autonomía persoal, a igualdade de oportunidades e a participación activa das persoas con discapacidade.

A iniciativa enmárcase nas actividades da Rede Eusumo – Economía Social de Galicia da Xunta de Galicia. Trátase do resultado dun traballo co-creativo, no que participan profesionais, persoas usuarias e representantes de familiares das asociacións APAM (Vigo), CENTRO JUAN MARÍA (Nigrán) e EVD-GALICIA (Mos)

A xornada está dirixida a persoas emprendedoras, persoas con ideas de negocio, persoas con discapacidade, familiares e todas aquelas persoas interesadas en desenvolver proxectos vinculados ao ámbito social e dos coidados.

O programa comezará cunha charla de A Casa das Redes, que permitirá coñecer que é o emprendemento social e como este modelo pode contribuír á transformación da sociedade. A continuación, presentaranse experiencias reais de emprendemento da man de As Galiñas de Pablo, La Mandala, Diversum e Elefantes Rosas, tres iniciativas que amosan diferentes formas de crear proxectos con valor social e inclusivo.

A xornada completarase cun obradoiro práctico centrado nos recursos e ferramentas necesarios para poñer en marcha novos proxectos, que estará liderado polo vigués Pablo Osorio, mentor e docente con máis de 15 anos de experiencia en acompañar proxectos de emprendemento. As persoas participantes poderán compartir ideas, identificar necesidades da súa contorna e descubrir como transformalas en oportunidades de emprendemento con impacto social.

O evento contará tamén coa participación do Alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, e da Directora Xeral de Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Vázquez Guzmán.

O obxectivo é ofrecer orientación e ferramentas útiles para dar os primeiros pasos na creación de proxectos viables e sostibles.

Con esta iniciativa, IN-RED e as entidades colaboradoras buscan visibilizar o potencial do emprendemento social como motor de inclusión, innovación e desenvolvemento local. O obxectivo é demostrar que as necesidades existentes nos ámbitos da discapacidade e dos coidados tamén poden dar lugar a iniciativas innovadoras que sitúen as persoas no centro e contribúan a mellorar a súa calidade de vida.

  • Evento: “Da túa idea ao teu negocio: emprender no ámbito da discapacidade e do coidado a través da economía social”.
  • Data: 22 de outubro de 2026.
  • Horario: de 9:30 a 13:30 horas.
  • Lugar: Auditorio de Nigrán (Pontevedra).
  • Organizan: Asociación empresarial da discapacidade IN-RED co apoio do Concello de Nigrán
  • Colaboran: Rede Eusumo – Economía Social de Galicia da Xunta de Galicia.
Comparte este artigo