Juan Ferrón brilla en Castela e León con dúas marcas de España e reforza a súa candidatura ao título da liga AXA

Redacción

O nadador vigués Juan Ferrón Gutiérrez, integrante do Club Natación Mos, volveu asinar unha actuación sobresaliente esta fin de semana no XIV Open Internacional de Natación Adaptada de Castela e León, cita que acollía ademais a IV Xornada da liga AXA de Natación Paralímpica, logrando proclamarse campión absoluto do Open e campión da cuarta xornada da liga AXA.

O deportista vigués do Club Natación Mos completou un campionato impecable, impoñéndose nas catro probas nas que tomou parte. Juan Ferrón conseguiu a vitoria nos 50 metros bolboreta, cun tempo de 26.70, e nos 100 metros bolboreta, cun rexistro de 58.62, marcas que ademais lle serviron para establecer dúas novas marcas de España en categoría S12. A estes excelentes resultados sumáronse tamén os triunfos nas probas de 50 metros libre e 50 metros braza, completando así unha actuación perfecta.

Con estes resultados, Juan Ferrón reforza de xeito notable as súas opcións de conquistar o título final da liga AXA. O sistema de competición establece que o vencedor será o nadador que obteña a maior puntuación sumando as súas tres mellores xornadas, e o nadador vigués conta actualmente cunha posición moi favorable tras sumar xa dous primeiros postos e un terceiro posto nas xornadas disputadas ata o momento.

A falta de tres citas para a conclusión do circuíto, con competicións previstas en Madrid, Cádiz e Oviedo, Juan Ferrón posiciónase como un dos grandes favoritos para alzarse co título final.

Paralelamente, o nadador do Club Natación Mos continúa coa súa esixente preparación de cara ao próximo Campionato de Europa de Natación Adaptada, que se disputará en Turquía o próximo mes de setembro, unha das grandes citas internacionais da tempada e na que espera chegar no mellor momento de forma.

Desde o Club Natación Mos destacan a ambición, a regularidade e o gran nivel competitivo de Juan Ferrón, que continúa consolidándose como unha das grandes referencias da natación adaptada española.

Comparte este artigo