• A edil do PP propoñerá na reunión que se reforce a presenza policial, diúrna e nocturna, polas rúas de Pontevedra
• A proposta popular tamén contempla a mellora da iluminación do centro urbano e das parroquias
A responsable da área de Servizos Sociais do PP de Pontevedra, Silvia Junco, ha demandando a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade, por mor de que se produciron varios altercados na cidade durante as últimas semanas.
“Sempre en coordinación cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, o Concello de Pontevedra debe tratar de atallar os problemas de seguridade cidadá que veñen sucedendo con certa frecuencia neste 2024”, alertou a concelleira popular, despois de que a nacionalista Eva Villaverde dixese, no último pleno municipal, que se convocaría proximamente a Xunta Local de Seguridade.
No que vai de ano, producíronse “varios furtos nunha xoiería de Benito Corbal e nun supermercado de Javier Puig, cinco roubos polo método do tirón, dous roubos con violencia na contorna do río Gafos, un atraco a un taxista nas proximidades da Alameda ou o intento frustrado doutro ladrón que roubou nun supermercado da avenida de Vigo antes de que se decatase unha das dependentas”, citou Junco.
Na próxima reunión da Xunta Local de Seguridade, a edil da oposición elevará unha proposta para reforzar a presenza policial, diúrna e nocturna, polas rúas de Pontevedra. Así mesmo, fixo fincapé na importancia de mellorar a iluminación das parroquias e do centro urbano para reducir os riscos de posibles altercados.
O obxectivo do Partido Popular con esta reivindicación é mellorar os espazos de seguridade cidadá para os veciños e visitantes de Pontevedra.

