O alcalde, David Carrera, visitou aos participantes e destacou o “éxito rotundo” dunha iniciativa pioneira que promove o envellecemento activo e saudable
O programa de exercicio físico para persoas maiores de 70 anos impulsado polo Concello da Lama en colaboración co Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Universidade de Vigo está a converterse nun auténtico éxito de participación e implicación veciñal. Máis de 60 persoas do municipio forman xa parte desta iniciativa pioneira orientada á mellora da saúde, á prevención da fraxilidade e á promoción dun envellecemento activo.
Ao fronte desta experiencia pioneira en Galicia estarán Guillermo Bilbao Ogando, fisioterapeuta e coordinador de fisioterapia de atención primaria, e o doutor Lorenzo Antonio Justo Cousiño, profesor do grao en Fisioterapia da Universidade de Vigo. O proxecto conta tamén coa colaboración da doutora Vanessa Cernadas e da doutora Laura González, médicas de Atención Primaria da Lama.
VISITA DO ALCALDE AOS BENEFICIARIOS DO PROGRAMA
O alcalde da Lama, David Carrera, visitou esta mañá unha das sesións desenvolvidas dentro do programa para coñecer de primeira man a evolución da actividade e compartir unha xornada cos participantes e co equipo profesional encargado da súa coordinación.
Durante a visita, Carrera puxo en valor a excelente acollida que está a ter esta proposta entre a veciñanza maior do municipio e destacou “a ilusión e o compromiso” das persoas participantes. “Estamos moi satisfeitos coa resposta da cidadanía. Ver a máis de 60 veciños e veciñas participando activamente neste programa confirma que iniciativas coma esta eran necesarias e teñen un impacto moi positivo tanto na saúde física como no benestar emocional das persoas maiores”, sinalou.
O rexedor destacou tamén o carácter innovador desta experiencia e a importancia da colaboración institucional entre administracións e ámbito universitario. “Este programa é un exemplo de como a cooperación entre o Concello, o sistema sanitario e a Universidade pode traducirse en accións útiles e reais para mellorar a calidade de vida da nosa xente. Seguiremos apostando por políticas que fomenten hábitos saudables e axuden ás persoas maiores a manter a súa autonomía”, afirmou.
As sesións, adaptadas ás capacidades e necesidades dos participantes, están supervisadas por profesionais especializados e teñen como obxectivo mellorar a condición física, reducir o risco de caídas e combater situacións de fraxilidade asociadas á idade.
Desde o Concello da Lama destacan ademais o importante compoñente social da iniciativa, xa que o programa tamén contribúe a fomentar a convivencia, a participación comunitaria e a loita contra a soidade non desexada entre as persoas maiores.
David Carrera concluíu asegurando que “o éxito desta primeira edición anima ao Concello a seguir promovendo actividades deste tipo, que repercuten directamente no benestar e na saúde da nosa veciñanza maior”.

