Marín volta a vibrar coa Gala do Deporte: unha noite de homenaxe ao talento e aos valores no Auditorio

Redacción

Dos éxitos na elite mundial de Iván García e Arlet Ortiz ao labor de clubs con máis de 30 anos de historia ou eventos que atraen a deportistas de 8 países, a Gala premiou a 14 referentes que impulsan a unha vila desde a base

Marín viviu hoxe unha das súas noites máis emotivas e agardadas coa celebración da Gala do Deporte. O evento, que se recupera despois de varios anos de paréntese, tivo lugar no novo Auditorio de Marín a partir das 19:30 horas, consolidándose como o escenario perfecto para visibilizar o enorme potencial deportivo da vila.

A velada, conducida polo recoñecido xornalista e speaker deportivo Terio Carrera, contou coa nota musical do grupo Sonsgalia, cuxas actuacións amenizaron os diferentes momentos dunha gala que reuniu a centos de persoas entre deportistas, clubs, familias e autoridades.

Unha cita agardada no novo Auditorio

No seu discurso de benvida, os concelleiros de Deportes, Antonio Traba e Antonio Caíña, cualificaron a xornada como unha “noite moi especial”, porque “o deporte non son só medallas. Non son só podios nin clasificacións. Detrás de cada éxito hai moitas horas de traballo, sacrificio, ilusión, renuncias e tamén moitas persoas que acompañan ese camiño”.

Así mesmo, subliñaron que o obxectivo municipal é “conseguir que cada neno e cada nena de Marín teña unha oportunidade para practicar deporte, aprender valores e formar parte dunha comunidade”.

Entrega de premios

A entrega de galardóns realizouse en dous bloques por parte de representantes do Concello, a Escola Naval Militar, o Porto de Marín e a Xunta de Galicia.

O xurado, composto por concelleiros, técnicos e xornalistas, tivo a difícil tarefa de elixir aos premiados entre unha ampla lista de candidaturas polo seu rendemento no ano 2025:
● Mellor Deportista Masculino: Iván García Martínez (Clube Taekwondo Mats), campión de España e Europa, situado no cumio do ranking mundial
● Mellor Deportista Feminina: Arlet Ortiz (Clube Taekwondo Mats), referente internacional e campioa de España absoluta.
● Mellores Deportistas de Base: Xián Gutiérrez Dopazo (Remo Ría de Marín) e Ángela Balado Conde (Taekwondo Mats), por un 2025 cheo de podios nacionais e europeos
● Mellor Deportista Veterana: Pilar Vázquez Bouzas (Remo Ría de Marín), exemplo de que non hai idade para competir.
● Premio á Inclusividade: Paula García Vázquez (Remo Ría de Marín), por racha con todos os límites no remo paralímpico
● Mellor Adestrador: Emilio Gutiérrez Jalda (Remo Ría de Marín), polo seu impecable labor técnico
● Mellor Club: CD La Peña, pola súa gran evolución e compromiso coa base tras máis de 15 anos de existencia
● Premio á Promoción do Deporte Base e á Formación: Marín Peixe Galego, con máis de 30 anos de historia formando a centos de nenos e nenas
● Mellor Patrocinio: SEI San Narciso, polo seu apoio indispensable facilitando instalacións e bolsas de estudos
● Mellor Evento Deportivo: Open ENCE Villa de Marín de Boxeo, un referente europeo que reuniu a un milleiro de persoas
● Premio ao Deporte con Valores: Raquel Carragal Dacosta, pola súa solidariedade dando visibilidade a enfermidades raras a través dos seus retos
● Premio ao Voluntariado Deportivo: Carreira e Andaina Pinga Pinga, o corazón organizativo dunha das probas máis emblemáticas da vila
● Mención Especial: Asociación Cultural e Deportiva Gharaboto, polo seu traballo na recuperación dos xogos populares galegos
“Cada esforzo conta”, a lección más valiosa que destacou a alcaldesa no peche do acto
O discurso de peche correu a cargo da alcaldesa María Ramallo, quen recordou, citando a Rafa Nadal, que “a gloria é ser feliz” e que o verdadeiro éxito reside na capacidade de levantarse e seguir adiante.
“O deporte ensina unha das leccións máis valiosas da vida: cada esforzo conta”, afirmou a alcaldesa, quen tamén puxo en valor que este evento debe ser unha “festa ao esforzo, ao compañerismo e á paixón polo deporte”.

A rexedora concluíu felicitando a todos os premiados en nome do Concello de Marín, animándoos a seguir superando os seus propios límites.

Comparte este artigo