- A escultura foi realizada en granito polo escultor da Louriña Marcos Escudero
O bispo da diocese de Tui-Vigo, Monseñor Antonio Valín, bendeciu este mércores nun acto solemne a escultura da Virxe do Carme doada polo Concello do Porriño á Comandancia Naval de Vigo.
Trátase dunha imaxe de 70x18x20 centímetros, esculpida en granito silvestre de gran fino extraído das canteiras porriñesas de Godoi Maceira e elaborada polo escultor da Louriña Marcos Escudero. A peza, de estilo tradicional, mostra a Virxe coronada co Neno e os escapularios.
A escultura fora trasladada orixinalmente como agasallo do Concello do Porriño á Comandancia con motivo do Día do Carme, no mes de xullo. Con todo, foi agora, coa presenza do bispo, cando se celebrou a homenaxe oficial na que o comandante naval, Jaime Toledano, agradeceu o presente á institución municipal. Fixoo nos xardíns da Comandancia, presididos agora por esta escultura
Durante o acto, o alcalde destacou que O Porriño, aínda que é un municipio sen costa, mantén un forte vínculo co mar a través da actividade das empresas dos seus polígonos industriais, que transforman e elaboran produtos procedentes do océano. “Que esta Virxe do Carme, esculpida coa forza da nosa terra, sexa faro e protección para todos os mariñeiros e a nosa xente do mar”, concluíu o rexedor.
A elección do granito das canteiras de Godoi Maceira subliña o valor do patrimonio extractor e artesanal do Porriño, referente histórico na cantería galega.
Escudero
Marcos Escudero forma parte da marca de calidade e obradoiros de Artesanía de Galicia. Está especializado no traballo con pedra e granito galego, abarcando dende a escultura artística tradicional e figurativa ata monumentos, pezas de restauración e rotulación en pedra.Ten participado e sido premiado en diversos certames de cantería e escultura en Galicia, como o Certamen de Canteiros de Parga ou o certame Áurea Palacio de Sober.

