Mos achega a lectura aos máis pequenos no Día do Libro

Redacción
Lectura mínima de 1

O Concello de Mos celebrou na xornada de hoxe o Día do Libro cunha actividade na Biblioteca Pública Municipal María Magdalena especialmente dirixida á infancia, promovendo o achegamento temperán á lectura entre os máis pequenos e pequenas do municipio.

Os nenos e nenas das escolas infantís da rede Galicia Azul do Cototorrón e Porteliña, así como da escola infantil Trastes, participaron nunha sesión de contacontos e obradoiro creativo adaptado a primeiros lectores de entre 2 e 3 anos. A actividade foi impartida por “Mi Rincón Favorito”, que conseguiu captar a atención dos cativos e fomentar a súa curiosidade polos libros a través de dinámicas lúdicas e participativas.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, achegouse ata a actividade para compartir un intre cos nenos e nenas, interesándose polo desenvolvemento da xornada e destacando a importancia de fomentar o hábito lector desde idades temperás.

Desde o Concello de Mos subliñan que iniciativas como esta forman parte do compromiso municipal coa educación e a promoción da cultura, apostando por accións que incentiven o gusto pola lectura desde os primeiros anos de vida.

Comparte este artigo