Mos acolle a presentación da XIV edición de Golfmanía, concentración de vehículos Volkswagen Golf

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro Leo Costas participaron na presentación da XIV edición de Golfmanía, a concentración de vehículos Volkswagen Golf que se celebrará o vindeiro 17 de maio en Pereiras, reunindo afeccionados ao motor chegados de distintos puntos de Galicia e do norte de Portugal.

O evento, xa consolidado como unha das citas automobilísticas de referencia para os amantes da emblemática gama Golf, contará cun amplo programa de actividades que inclúe recepción de vehículos, ruta conxunta pola contorna e xornada de convivencia entre participantes e público asistente.

Durante a presentación, a alcaldesa destacou “o valor deste tipo de iniciativas para dinamizar o municipio, atraer visitantes e promover a actividade social e económica local”, ao tempo que puxo en valor “o traballo da organización para converter Golfmanía nun evento plenamente consolidado no calendario de actividades de Mos”.

Pola súa banda, o concelleiro Leo Costas salientou “a capacidade desta concentración para unir afección, convivencia e promoción do territorio”, agradecendo ademais a implicación das persoas organizadoras e das empresas colaboradoras.

A programación da xornada arrancará ás 10:00 horas coa recepción dos vehículos participantes. Ás 12:30 horas terá lugar a saída da ruta conxunta pola zona, con parada para petiscos no Café Bar Salinas de Torroña. Posteriormente celebrarase unha comida de confraternidade no Café Bar Os Castros de Pereiras.

Desde o Concello de Mos animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao mundo do motor a asistir a esta nova edición de Golfmanía, que volverá converter Pereiras nun punto de encontro para centos de seguidores dun dos modelos máis icónicos da automoción europea.

Comparte este artigo