Mos acolle a presentación do Premio Especial Concello de Mos da Copa de España Élite e Sub-23

Redacción

O Concello de Mos acolleu esta mañá a presentación do Premio Especial Concello de Mos, incluído na sexta edición da Vigo Copa de España, a proba que pecha o calendario da Copa de España Élite e Sub-23, considerada a competición estatal máis prestixiosa antes do salto ao ciclismo profesional.

No acto participaron o mánager do equipo organizador, Gerardo Chamorro, os ciclistas Deetray Jarrett e Íker Rodríguez, o director deportivo Aitor Bugarín e os concelleiros Felisa Rodríguez e Camilo Grandal. Chamorro destacou a importancia de que o municipio forme parte dunha cita deportiva “de primeiro nivel” que reunirá aos mellores corredores do panorama nacional.

A carreira disputarase este domingo sobre un percorrido de 180 quilómetros, o máis esixente de toda a tempada, con seis portos de montaña e un trazado decisivo para resolver as clasificacións xerais do certame.

O Premio Especial Concello de Mos estará situado no quilómetro 124 da proba, nas inmediacións da rotonda das Angustias, en Sanguiñeda. O primeiro corredor en atravesar este punto será recoñecido posteriormente no podio final instalado no Monte do Castro.

Está previsto que os ciclistas pasen por Mos arredor das 14:00 horas, despois de superar o Alto de Monte Aloia, un dos puntos clave da xornada. A chegada á meta está programada para as 15:30 horas no horario máis rápido previsto pola organización.

Durante a presentación, Gerardo Chamorro agradeceu a colaboración do Concello de Mos e puxo en valor o apoio institucional para sacar adiante unha proba “que xa é unha referencia no calendario estatal”. Pola súa banda, Felisa Rodríguez animou á veciñanza a achegarse ao percorrido para gozar “dun espectáculo deportivo de máximo nivel”.

Comparte este artigo