A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou a concesión da licenza urbanística para a ampliación das instalacións de Norfrío no Parque Empresarial da Veigadaña, un proxecto que suporá un investimento próximo aos 12 millóns de euros e que reportará ás arcas municipais arredor de 400.000 euros en concepto de ICIO e taxas vinculadas á execución das obras.
A actuación representa un novo impulso ao crecemento do tecido empresarial e industrial de Mos, consolidando o municipio como un dos principais polos loxísticos e industriais de Galicia.
O proxecto autorizado contempla a construción dunha nova nave frigorífica e dunha sala de procesado destinada a reforzar a capacidade operativa da compañía, especializada en loxística do frío vinculada ao sector alimentario e pesqueiro.
A ampliación permitirá incrementar significativamente a capacidade de almacenamento e consolidar a implantación da empresa en Mos, onde Norfrío desenvolve a súa actividade desde o ano 2016. A iniciativa incorpora ademais medidas centradas na eficiencia enerxética, a sustentabilidade ambiental e a modernización tecnolóxica dos procesos industriais.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “a aprobación desta licenza supón unha nova mostra da confianza das empresas no potencial industrial de Mos e da capacidade do municipio para seguir atraendo investimento e actividade económica”.

