Mos avanza na protección ambiental do Roteiro dos Muíños da Salgueira e Monte de Pereiras

Redacción

O Concello de Mos vén de adxudicar o contrato á empresa encargada do estudo para impulsar a declaración do Roteiro dos Muíños da Salgueira e Monte de Pereiras como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha figura de protección ambiental regulada pola Lei do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

A iniciativa abrangue un espazo de elevado valor ambiental, paisaxístico e etnográfico situado nas parroquias de Pereiras, Sanguiñeda, Tameiga e Cela, no entorno do río Salgueira e do Monte de Pereiras, onde destacan os ecosistemas fluviais, a biodiversidade existente e os elementos tradicionais vinculados aos antigos muíños e aos usos históricos do territorio.

Son moitos os beneficios previstos tras a declaración do ENIL, como a recuperación de especies únicas que se atopan en perigo de desaparecer  polo seu estado de conservación, conseguir un medioambiente máis limpo e natural do que todos podamos gozar, favorecer a conservación do medio e resaltar os valores ambientais e turísticos de Mos, a creación de postos de traballo locais relacionados coa conservación do ENIL ou favorecer a obtención de axudas por parte do Estado ou da Autonomía das que nos beneficiaremos todos en Mos.

A única obriga a que se verán afectadas as parcelas incluídas no ENIL será adecuarse ás normas de xestión e conservación que se aprobarán coa declaración do espazo natural protexido. Estas normas de xestión e conservación do ENIL, pretenden respectar os usos actuais do solo e compatibilizar a conservación do medio coas actividades que se realicen dentro do espazo natural. Na maior parte dos casos, non se espera impoñer limitacións ao solo a maiores das que xa existen por mor do dominio público hidráulico.

Ademais, esta figura de protección abrirá a porta ao acceso a futuras liñas de financiamento destinadas á conservación da natureza, á mellora ambiental e ao desenvolvemento rural sostible, facilitando tamén a execución de actuacións de recuperación e mantemento do entorno.

O contrato agora adxudicado permitirá avanzar na tramitación administrativa do expediente. Neste sentido, o Concello de Mos continúa traballando de maneira coordinada coa Comunidade de Montes de Pereiras para avanzar en dito procedemento.

A previsión municipal é completar o proceso de conformidade das parcelas antes do vindeiro 30 de xullo co obxectivo de continuar cumprindo os prazos previstos na tramitación da declaración.

Desde o Goberno local destacan que esta actuación supón “un paso importante na protección e valorización do patrimonio natural e etnográfico de Mos, combinando conservación ambiental, recuperación do territorio e uso social sostible dun espazo de grande valor para o municipio”.

Comparte este artigo