O artista Xmaseda65 incorpórase ao cartel do festival Camiño da Rosa por petición popular
O Concello de Mos celebra o próximo 30 de abril a quinta edición do festival Camiño da Rosa, unha proposta cultural gratuíta que se consolida como unha das citas destacadas do calendario festivo, combinando lecer, participación xuvenil e promoción do talento emerxente.
Como novidade de última hora, o artista Xmaseda65 incorpórase ao cartel do festival Camiño da Rosa tralo interese amosado polo público nas últimas semanas nas redes do festival.
O Concello de Mos celebrará así unha nova edición deste evento, que acada o seu quinto ano consolidándose como unha cita de referencia dentro da programación cultural do municipio na contorna do Pazo de Mos, un espazo patrimonial que continúa a gañar protagonismo como escenario de actividades abertas á cidadanía.
No acto de presentación estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, a concelleira Julia Loureiro e Lage, un dos DJ que actuarán o día 30 en Mos.
O evento contará coa participación de 8Belial, Lg1do, Skinyz, Borja Solla, Elegnelo e Lage, aos que agora se suma Xmaseda65, configurando unha proposta musical orientada á escena urbana e electrónica.
Esta quinta edición reforza unha liña de programación que aposta por formatos actuais e por artistas conectados co público máis novo. A programación desenvolverase ao longo da tarde-noite co seguinte calendario de actuacións:
* 19:30 h — Elegnelo
* 21:00 h — Lage
* 22:30 h — Xmaseda65
* 22:45 h — Lg1do
* 23:15 h — Borja Solla
* 00:45 h — 8Belial
* 01:45 h — Skinyz
O formato combina sesións continuadas con transicións dinámicas entre artistas, favorecendo unha experiencia musical fluída ao longo de toda a xornada.
Por outra banda, o carácter gratuíto do festival facilita a participación cidadá e contribúe á dinamización económica do municipio, especialmente nos sectores da hostalería e do comercio.
Deste xeito, o Camiño da Rosa enmárcase na estratexia do Concello de Mos para reforzar a súa programación cultural, diversificar as propostas de lecer e poñer en valor espazos patrimoniais como o Pazo de Mos.
“O Camiño da Rosa chega á súa quinta edición consolidado como unha proposta cultural de referencia en Mos”, apunta a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. “Este festival reflicte a nosa aposta por unha programación aberta, actual e accesible, que conecta coa mocidade e dinamiza o noso municipio. Seguimos traballando para ofrecer á veciñanza actividades que combinen lecer, cultura e convivencia nun entorno único como o Pazo de Mos”.

