O Concello de Mos foi escenario esta fin de semana da cuarta edición do “Molis Legend”, unha competición internacional de crosstraining que reuniu no IFEVI a 500 atletas procedentes de España e Portugal, consolidándose como unha das citas deportivas máis destacadas do noroeste peninsular.
Durante tres xornadas de intensa competición, os participantes enfrontáronse a seis probas que puxeron a exame a súa forza, resistencia e capacidade técnica, tanto en categorías individuais como por parellas.
Na categoría Élite, o podio estivo dominado por atletas portugueses e nacionais, cun primeiro posto para Isaac (Portugal), seguido de Fernando (Alacante) e Pedro Laranjeira (Portugal).
Na competición por parellas, na categoría Scaled, o equipo Traviesos CTX (Lugo) acadou a primeira posición, por diante de Chucharita Team e Los Bings (A Coruña). En categoría Intermedia, La Colonia (Porriño) fíxose coa vitoria, seguido de Cora Team (A Coruña) e Avat-idos (A Coruña).
Na categoría Máster, o primeiro posto foi para o equipo Y yo me llamo Ralph (Molis e Turoqua), mentres que Ramrage (Oviedo) e Masteurizados completaron o podio. Pola súa banda, en categoría RX, Marco Aurelio y la Jefa (Max Effort) acadaron a primeira posición, seguidos de Ramrage (A Coruña) e La Bella y la Bestia (Max Effort 02).
En categoría individual Scaled masculina, o primeiro posto foi para Coruña ADN CrossFit, seguido de Alejandro Couso (CrossFit Rising Deer) e David, tamén da Coruña. Na categoría feminina, Irene Vila proclamouse campioa, acompañada no podio por Sonia Pariente e Silvia Domene.
O evento, organizado polo Club Halterofilia Molis, con sede en Mos, volveu demostrar o seu crecemento sostido, incrementando participación e impacto respecto a edicións anteriores, e reforzando a proxección do municipio como destino para a celebración de eventos deportivos de alto nivel.
A celebración do “Molis Legend” supuxo ademais un importante dinamismo económico e hostaleiro para Mos e a súa contorna, atraendo numeroso público ao longo da fin de semana.
Con iniciativas como esta, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso co deporte e coa promoción de actividades que xeran valor social, económico e territorial.

