O Concello de Mos habilitará un novo aparcadoiro provisional na contorna do Rebullón para contribuír a aliviar os problemas de estacionamento e tráfico que afectan á zona de Puxeiros e da Avenida do Rebullón.
O espazo, situado detrás da confeitaría Seijo, conta cunha superficie de preto de 5.000 metros cadrados e foi cedido temporalmente polo propietario da parcela para facilitar unha solución inmediata mentres non se estabiliza a situación do tráfico na contorna. O terreo xa está a ser acondicionado para a súa posta en funcionamento, prevista a partir do vindeiro 1 de xuño.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe os traballos de acondicionamento acompañada do concelleiro Camilo Grandal, comprobando o avance dunha actuación “moi necesaria para dar resposta a unha demanda importante da veciñanza e, especialmente, dos negocios desta zona, que levan moito tempo reclamando máis espazos de estacionamento”.
Arévalo agradeceu “a colaboración e disposición do propietario da parcela por facilitar esta cesión temporal que permitirá mellorar a mobilidade nun punto especialmente sensible do municipio”. A rexedora destacou ademais que “o obxectivo principal é contribuír a desconxestionar o tráfico e liberar prazas no aparcadoiro do centro de saúde para que poidan ser utilizadas prioritariamente polas persoas que acoden ás súas citas médicas”.
Pola súa banda, insiste en que “esta medida permitirá gañar capacidade de estacionamento nunha contorna con moita actividade comercial e de servizos, ao tempo que se mellora a circulación nun dos accesos máis transitados”.
Desde o Concello de Mos faise un chamamento á cidadanía para que empregue este novo aparcadoiro unha vez entre en funcionamento, contribuíndo así a facilitar o acceso ao centro de saúde e a mellorar a convivencia do tráfico na zona.

