Haberá actividades con monitories para a cativada de 11.00 a 13.00 horas
O Concello de Mos inaugurará mañá, 2 de setembro, o renovado Parque Multiocio da Pesqueira, cunha xornada aberta á veciñanza e especialmente pensada para que os máis pequenos poidan coñecer e desfrutar das novas instalacións.
A partir das 11.00 horas, os nenos e nenas poderán participar en diferentes actividades de animación acompañados por monitores especializados, que estarán no parque ata as 13.00 horas. A programación incluirá xogos de auga e distintas propostas de animación infantil, así como un petisco saudable. O acto institucional está programado para as 12.00 horas.
A xornada permitirá á veciñanza coñecer de primeira man o resultado da ampliación do parque e desfrutar dos novos espazos nun ambiente festivo e familiar.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anima ás familias a achegarse á Pesqueira: “Queremos que esta inauguración sexa unha festa para a veciñanza e, especialmente, para os máis pequenos, que serán os primeiros en estrear e gozar este novo espazo”.
O Concello de Mos convida así a toda a veciñanza a participar na inauguración do 2 de setembro e a descubrir o renovado Parque Multiocio da Pesqueira.

