Nidia Arévalo presidiu o acto, no que participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, inaugurou este mércores o renovado Parque Multiocio da Pesqueira, nun acto no que participou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
A xornada tivo un marcado carácter familiar, con actividades de animación e xogos para os máis pequenos, que puideron gozar das novas instalación en actividades con monitores, ademais de recibir dun petisco saudable. As autoridades realizaron un percorrido polo parque antes do descubrimento da placa conmemorativa da inauguración. A música correu a cargo do grupo Xógara.
A actuación permite ampliar o parque ata superar 8.000 metros cadrados, coa incorporación de máis de 5.000 metros cadrados de nova superficie. O renovado espazo incorpora unha zona de skate de 1.022 metros cadrados, un rocódromo de 450 metros cadrados, unha ampliación de 1.654 metros cadrados da zona infantil, outros 907 metros cadrados no parque de auga e 1.005 metros cadrados de novas zonas de descanso.
A zona infantil conta con novos equipamentos e estruturas de ocio inclusivo, así como unha área de descanso e outra de calistenia. No parque de auga instaláronse novos elementos, entre eles tobogáns na ladeira e unha nova praza de chorros de auga.
Os traballos incluíron tamén o acondicionamento e regularización do terreo, a adecuación dos accesos mediante sendeiros e ramplas, a integración paisaxística, os acabados de urbanización, as redes de saneamento e alumeado público, a canalización das augas pluviais e a instalación de mobiliario urbano.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que a ampliación “permite dar un novo paso na mellora dos espazos públicos do municipio e ofrecer novas posibilidades para o deporte, o ocio e a convivencia”.
“Queremos que a Pesqueira sexa un espazo para tódalas idades, no que os nenos e nenas poidan xogar, os máis novos practicar deporte e as familias gozar xuntas dunha contorna ao aire libre”, sinalou. Arévalo puxo tamén en valor a localización do parque, xunto ao río Louro, e a súa conexión co paseo existente.
Colaboración entre administracións
O proxecto conta cun investimento de máis de medio millón de euros, e foi posible grazas á colaboración entre o Concello de Mos, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Durante a visita, Diego Calvo destacou que a actuación permite ofrecer un espazo de ocio para as familias e a veciñanza e, ao mesmo tempo, fomentar a práctica de deporte ao aire libre, especialmente entre os máis novos, con novas instalacións como o skate e o rocódromo.
O conselleiro tamén puxo en valor a importancia dos espazos abertos para a actividade física e salientou o papel do tecido asociativo na dinamización da vida local, así como a vocación do parque de ser un espazo aberto á veciñanza, ás familias e ás asociacións de Mos. Engadiu que a ampliación pode contribuír a atraer persoas doutros concellos da comarca.
Pola súa banda, Luis López destacou a colaboración entre as tres administracións para facer posible a actuación e puxo en valor o traballo de planificación e captación de recursos realizado polo Concello de Mos.
O novo Parque Multiocio da Pesqueira completa a oferta de espazos deportivos e de ocio do municipio e pon á disposición da veciñanza un espazo renovado para o deporte, o xogo, o descanso e o lecer en familia, nunha contorna vinculada ao río Louro e ao Camiño de Santiago.

