O venres está previso o acto oficial na Lexislatura Porteña e a Gran Foliada Mosense, coa participación do grupo Ruada de Torroso
O Concello de Mos comezou onte en Bos Aires a súa programación institucional no marco do 108 aniversario da Asociación Galega de Residentes de Mos, cunha primeira xornada centrada no contacto directo coa colectividade galega e na posta en valor da identidade cultural compartida.
A comitiva mosense desenvolveu actos no Colexio Santiago Apóstol e no Centro Galicia de Bos Aires, dous referentes da presenza galega na Arxentina, onde se puxo de manifesto o papel destas entidades na conservación da lingua, a cultura e as tradicións galegas entre as novas xeracións.
Neste contexto, a música tradicional cobra un papel central ao longo de toda a visita coa presenza do grupo Ruada de Torroso, que acompaña á delegación municipal e será unha das principais referencias culturais da programación.
Un dos momentos máis relevantes será a celebración da Gran Foliada Mosense, prevista para o venres, concibida como un encontro aberto de música e convivencia no que participarán, ademais de Ruada de Torroso, as escolas da entidade e músicos da colectividade galega.
Na programación destaca tamén o acto oficial na Lexislatura Porteña e, o sábado, da Gran Cena de Aniversario da asociación, coa participación de novo de Ruada de Torroso, consolidando unha axenda na que a cultura tradicional non actúa como elemento complementario, senón como principal ferramenta de conexión coa diáspora.

