Mos leva a súa experiencia en igualdade á FEMP no marco do 45 aniversario

Redacción
Lectura mínima de 3

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou esta mañá na mesa redonda sobre liderado feminino, organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), dentro dos actos do seu 45 aniversario.

Baixo o título “Liderazgo de la mujer en la política en pequeños y medianos municipios”, Nidia Arévalo compartiu a experiencia do Concello de Mos no deseño e aplicación de políticas públicas orientadas á igualdade e á loita contra a violencia de xénero, poñendo o foco no impacto real destas medidas no ámbito local. Nidia Arévalo estivo acompañada na súa mesa redonda por Alejandra Pérez Máquez, alcaldesa de Bergondo (A Coruña), e por Natàlia Figueras Pagès, alcaldesa de Maçanet de la Selva (Girona).

Durante a súa intervención, a rexedora destacou como unha das decisións máis transformadoras da súa traxectoria a creación da Concellería de Igualdade con só 24 anos, nun contexto no que a presenza feminina na toma de decisións era practicamente inexistente. Esa aposta inicial permitiu impulsar cambios estruturais no municipio, especialmente no ámbito do asociacionismo, promovendo a participación activa das mulleres e favorecendo o seu acceso a espazos de liderado. 

Arévalo puxo como exemplo o programa “Supérate”, unha iniciativa municipal orientada a fomentar a participación social e o empoderamento feminino, que pasou de contar con 500 participantes a máis de 2.000 na actualidade, consolidándose como unha ferramenta clave de cohesión e apoio entre mulleres. 

No debate, a alcaldesa incidiu tamén na necesidade de garantir recursos estables para as políticas de igualdade, sinalando como prioritario o reforzo dos servizos de atención ás vítimas de violencia de xénero, con equipos profesionais especializados e medidas complementarias en materia de vivenda e emprego.

Neste sentido, defendeu que a igualdade non pode depender da vontade política conxuntural, senón que debe estar integrada de maneira estrutural nas administracións locais, cunha asignación obrigatoria de recursos e unha planificación continuada de accións de sensibilización, formación e prevención. 

A alcaldesa de Mos concluíu a súa intervención reivindicando o papel do municipalismo como espazo onde a política “ten un impacto real e directo na vida das persoas”, subliñando a importancia de seguir avanzando en políticas públicas que garantan unha igualdade efectiva entre mulleres e homes. 

Comparte este artigo