Mos mobilizará 1,5 millóns de euros para novos asfaltados en distintas parroquias

Redacción

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de obra dun primeiro paquete de actuacións por 700.000 euros, ao que se sumará outra partida da mesma contía no orzamento de 2027

O Concello de Mos continúa coa mellora da rede viaria municipal cun novo paquete de obras de asfaltado. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de obra de varias actuacións por un importe duns 700.000 euros, que permitirán renovar o firme de diferentes vías e camiños do municipio.

As obras distribuiranse por diferentes puntos de Mos e incluirán actuacións no Camiño de Texe, Ponte de Vilas, Veiga do Muíño, Camiño Nespras, Camiño de Casanova, Camiño Nave Vías e Obras, Camiño da Groba, Camiño do Dozar, Camiño do Tranvía, Segundo Pampillón e Polígono de Veigadaña, entre outras zonas.

Parte destas actuacións contan tamén coa colaboración e financiamento da Deputación de Pontevedra, complementando o investimento realizado directamente polo Concello.

O novo paquete permitirá avanzar na renovación de firmes e na mellora das condicións de circulación en diferentes vías municipais, atendendo as necesidades detectadas nas distintas parroquias.

Outros 700.000 euros no orzamento de 2027

O Concello de Mos ten previsto dar continuidade a este investimento coa incorporación dunha nova partida duns 700.000 euros no orzamento municipal de 2027 para actuacións de asfaltado.

A previsión é destinar estes fondos a novas obras de mellora viaria distribuídas polas distintas parroquias de Mos, ampliando así o número de vías e camiños nos que se poderá actuar.

Entre o paquete de obras que agora inicia o seu proceso de contratación e a partida prevista para 2027, o Concello de Mos mobilizará un millón e medio de euros para novas actuacións de asfaltado.

Máis de 700.000 euros da Deputación na estrada Os Valos-Peinador

A estes investimentos municipais hai que engadir a actuación que xa está en execución na estrada provincial Os Valos-Peinador, promovida pola Deputación de Pontevedra, cun investimento de máis de 700.000 euros.

Os traballos permitirán renovar o firme desta estrada provincial e mellorar as condicións de circulación e seguridade da vía.

Deste xeito, as actuacións municipais previstas e a obra que a Deputación está a executar na provincial Os Valos-Peinador suman máis de 2,1 millóns de euros destinados á mellora de firmes e da rede viaria en Mos.

Comparte este artigo