O dispositivo asumirá as execucións subsidiarias das parcelas cuxos propietarios incumpran as ordes de limpeza, trala correspondente tramitación dos expedientes sancionadores
O Concello de Mos reforzará as actuacións de prevención de incendios forestais coa incorporación dunha brigada formada por catro peóns forestais e un técnico de medio ambiente, contratados ao abeiro dunha subvención da Consellería do Medio Rural a través do programa Suma Talento: Rural Activo 2026 para o fomento do emprego no medio rural. O dispositivo permanecerá operativo nove meses, desde finais do mes de xuño ata finais de marzo de 2027.
O equipo desenvolverá tarefas de roza, poda, eliminación de biomasa e conservación de espazos naturais, centrando boa parte da súa actividade na redución da carga vexetal en parcelas municipais e tamén en terreos de titularidade descoñecida, sempre que esta circunstancia estea debidamente acreditada. Ademais, encargarase do mantemento da maquinaria, da preparación de terreos para repoboación forestal e da protección das masas arbóreas para contribuír á diminución do risco de incendios.
Pola súa banda, o técnico de medio ambiente asumirá labores de planificación forestal, dirección e coordinación dos traballos da brigada, supervisión das actuacións de prevención, control do cumprimento das medidas de seguridade laboral e organización dos recursos humanos e materiais. Entre as súas funcións tamén figura a coordinación das actuacións de extinción cando sexa necesario e a interlocución cos distintos organismos implicados na xestión forestal.
Desde o Concello de Mos indican que este reforzo tamén permitirá avanzar na execución subsidiaria da limpeza de parcelas nas que os propietarios non cumpran coa obriga legal de mantemento, unha vez tramitados os correspondentes expedientes de oficio ou tras denuncia por incumprimento da normativa de prevención de incendios ou por motivos de salubridade.
Tamén se insiste en que a prevención continúa sendo a mellor ferramenta para reducir o risco de incendios forestais e lembra que a normativa galega obriga ás persoas propietarias a manter limpas as súas parcelas e a respectar as franxas de protección establecidas arredor das edificacións. O Concello de Mos continuará desenvolvendo labores de inspección, sensibilización e apoio para favorecer o cumprimento destas obrigas e garantir unha maior seguridade para a veciñanza.

