Mos reforza o servizo de limpeza viaria coa contratación dunha empresa e 8 novos operarios para o Concello grazas a unha axuda provincial de máis de 270.000 euros

adminON
Lectura mínima de 6

Alcaldesa e concelleiro de Servizos Públicos celebran a resolución favorable a tal fin da concesión das subvencións correspondentes ás liñas 2 e 3 do Plan +Provincia

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Servizos Públicos e Limpeza Viaria, Baldomero Lorenzo, celebran a resolución favorable de concesión de sendas subvencións do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, mediante as que a administración provincial apoiará ao Concello con 272.000 euros para levar a cabo durante o presente ano o servizo de limpeza viaria e desbroce de cunetas.

As axudas corresponden á liña 2 do debandito plan, que destina 90.000,01 euros ao financiamento de “Servizo de desbroce, limpeza de cunetas e marxes de camiños municipais en Mos”. E á liña 3 que destina 182.003,28 € á contratación de 12 operarios, 8 dos cales serán peóns forestais adicados a labores de limpeza viaria e desbroce.

A liña 2 está destinada a financiar o gasto corrente da prestación dos servizos que se estimen necesarios para desenvolver prestacións e obras puntuais que non teñan a consideración de investimentos. A liña 3 está destinada á activación do emprego mediante a contratación de persoas desempregadas para realizar obras e servizos de interese xeral e social de competencia municipal e xestionados mediante a concesión de subvencións aos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes.

A contratación de traballadores que o Concello de Mos realizará grazas á liña 3 do Plan +Provincia ascenderá a un total de 12 persoas: 8 peóns forestais, 3 peóns de construción e 1 oficial 2ª albanel a xornada completa durante 8 meses que suropán 185.763,32 € de orzamento total; dos cales 3.760,04 € serán de achega municipal e 182.003,28 € de subvención provincial.

O servizo de desbroce e limpeza viaria levarase a cabo nas 10 parroquias e incluirá labores de sega, desbroce e limpeza de cunetas que afectan ás marxes dos camiños municipais. As tarefas a realizar comprenden a limpeza e roza de cunetas, beiravías e noiros ata deixar libre todo o pavimento da calzada, incluíndo o tratamento dos residuos e a retirada a vertedoiros autorizados.

Especificamente realizaranse os seguintes traballos:

  • A limpeza de cunetas e canles nos laterais dos camiños municipais que impiden a normal circulación das augas superficiais e pluviais.
  • A roza dos laterais dos viais ata a altura que requira cada unha das zonas a limpar tendo en conta as súas características específicas.
  • A reposición ao seu estado orixinal nas zonas onde existan cunetas de terra, manualmente ou con maquinaria adecuada.
  • A retirada e limpeza nas cunetas de formigón dos materiais que impidan a evacuación das augas.
  • Ademais do corte de matogueiras e malas herbas, deberá recoller todos os residuos existentes na zona na que se actúe tales como ramallada, plásticos, botes, botellas, etc…
  • Os residuos e maleza xerados pola roza e limpeza retiraranse, como máximo, ao día seguinte e serán depositados en vertedoiros autorizados. Estes vertedoiros serán sempre por conta do propio contratista.
  • Tratamento adecuado da maleza, materiais e residuos que resulten dos traballos que se realicen polo adxudicatario que deberá darlle a cada un dos tipos de residuos o tratamento separado e individualizado que esixe o cumprimento da normativa medio ambiental.
  • A sinalización para a execución dos traballos deberá cumprir estritamente a normativa vixente para este tipo de traballos na vía pública, sendo de conta do adxudicatario o custo de todos os elementos necesarios de sinalización.
  • Se procederá en caso de necesidade á limpeza de fincas particulares con motivo de resolución de expedientes de medio ambiente en execución subsidiaria en coordinación coa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos.

Anualmente o Concello de Mos pon en marcha este servizo co fin de evitar o efecto prexudicial que a vexetación ocasiona nas estradas, non tan só na vida do firme, polo feito de impedir unha rápida evacuación das augas, senón tamén polas graves dificultades que orixina o tránsito como consecuencia da redución da visibilidade que ocasiona.

O Servizo de Mantemento do Concello de Mos realiza de maneira permanente traballos de limpeza co obxecto de proceder a eliminación da vexetación herbácea e arbustiva que medra tanto nas cunetas como nas zonas contiguas.

Medios propios municipais que precisan de ser complementados para prestar un servizo eficiente de desbroce e limpeza de cunetas e marxes de camiños municipais. Polo que resulta necesaria a contratación destes medios externos, tanto humanos como dunha empresa que reforcé o servizo do Concello de Mos nas 10 parroquias.

As grandes problemáticas xeradas polo exceso de maleza son a diminución de ancho da estrada que a vexetación causa o condutor e o posible desencadeante de incendios forestais nas áreas de influencia das vías de comunicación.

Por todo isto faise preciso contratar o servizo dunha empresa e de máis medios humanos para o Concello.

Comparte este artigo