Mos volve a poner en marcha o Obradoiro Dual de Emprego 2026 en carpintería e marketing dixital

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Mos vén de acadar da Conselleira de Emprego, Comercio e Emigración a concesión do Obradoiro Dual de Emprego 2026, unha iniciativa que permitirá formar a 20 persoas desempregadas nas especialidades de carpintería de madeira e marketing dixital.

O programa, que terá unha duración de nove meses, está previsto que comece o vindeiro 1 de xuño de 2026 e combina formación teórica e práctica co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

En concreto, dez persoas formaranse no ámbito do marketing dixital, con contidos vinculados á comunicación, xestión de campañas e desenvolvemento multimedia. Pola súa banda, outras dez persoas recibirán formación en carpintería, centrada na fabricación e instalación de elementos de madeira, así como na súa aplicación en espazos públicos e equipamentos municipais.

As persoas interesadas en participar neste obradoiro deberán dirixirse á Axencia de Colocación do Concello de Mos antes do vindeiro 8 de maio para formalizar a súa inscrición e recibir información sobre o proceso de selección.

Esta nova edición do Obradoiro Dual de Emprego consolida a aposta do Concello de Mos pola formación cualificada en sectores con demanda laboral, ao tempo que contribúe á dinamización económica e social do municipio.

Comparte este artigo