Noelia Samartin presenta “Has venido a vivir” no Pazo de Mos

Redacción
Lectura mínima de 4

A súa obra une neurociencia e experiencia clínica para revisar como vivimos

A psicóloga e investigadora Noelia Samartin Veiga, natural de Mos, presenta o seu libro “Has venido a vivir”, unha obra que combina rigor científico e práctica clínica para abordar unha cuestión de fondo: por que, a pesar de ter recursos, moitas persoas senten que viven en modo supervivencia.

Tras cursar o Grao en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (2015), Samartín completou posteriormente o máster e o doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica. A súa formación complétase co Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, que lle permitiu trasladar o coñecemento académico ao ámbito asistencial.

Durante case dez anos formou parte do grupo de investigación Brain and Pain (BaP), onde se especializou no estudo do dor crónico desde unha perspectiva multidisciplinar. O seu traballo centrouse especialmente na aplicación de técnicas de neuromodulación cortical como ferramenta complementaria no tratamento do dor e de sintomatoloxía asociada, como a ansiedade ou a depresión.

No marco desta actividade investigadora, participou na publicación de diversos artigos científicos en revistas especializadas, contribuíndo á comprensión dos mecanismos neurobiolóxicos implicados no dor e na regulación emocional.

Nos próximos meses fará a apertura da súa Clínica NeuroConciencia en Mos, onde acompañará a persoas en procesos de dificultade psicolóxica e imparte formación a profesionais sanitarios, integrando evidencia científica e enfoque clínico.

“Has venido a vivir” (Ed. Brugera) sitúase nesa mesma intersección entre ciencia e experiencia. Lonxe de propoñer solucións rápidas, o libro analiza como o funcionamento do sistema nervioso, os patróns aprendidos e o contexto vital condicionan a forma na que as persoas se relacionan consigo mesmas e co seu entorno.

A obra parte dunha premisa clara: a sociedade actual favorece dinámicas de adaptación e supervivencia que, a longo prazo, poden afastar ás persoas dunha vivencia máis consciente e coherente da súa propia vida.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, encargada de presentar o acto, destacou o valor da autora tanto no plano profesional como humano: “Para Mos é un orgullo contar cunha profesional como Noelia Samartín, que levou a súa formación e a súa investigación a un nivel moi alto, pero que ademais soubo devolvelo á sociedade cunha proposta útil e accesible”.

Arévalo puxo tamén o acento na relevancia social do libro: “Estamos ante unha obra que chega nun momento necesario, no que cada vez máis persoas se senten desbordadas. Que alguén desde o rigor científico sexa capaz de explicalo de maneira clara e próxima é especialmente valioso”.

A rexedora subliñou, ademais, o vínculo da autora co municipio: “Noelia representa ese talento que medra aquí e que, sen perder a súa orixe, é capaz de proxectarse cara fóra e contribuír con coñecemento e compromiso”.

Con esta publicación, Samartín propón unha divulgación accesible da neurociencia e da psicoloxía, mantendo o rigor pero cunha linguaxe próxima, co obxectivo de facilitar a comprensión dos procesos internos e promover unha relación máis consciente coa experiencia vital.

Comparte este artigo