Novas Xeracións de Marín mantén unha reunión de traballo coa alcaldesa María Ramallo e outros membros do grupo político local

Redacción
Lectura mínima de 3

Novas Xeracións do Partido Popular de Marín, presidida por Adrián Arias, mantivo nos últimos días unha reunión de traballo coa alcaldesa do municipio e presidenta do PP local, María Ramallo, acompañada por outros membros da Executiva, nun encontro centrado no presente e futuro das políticas municipais dirixidas á mocidade.

Durante a reunión, os representantes xuvenís trasladaron o seu apoio ao labor que está a desenvolver a alcaldesa, á vez que participaron activamente formulando preguntas e inquietudes sobre diferentes ámbitos de interese para a mocidade marinense.
Pola súa banda, María Ramallo expuxo as principais actuacións que se están levando a cabo no municipio, así como os proxectos previstos para os próximos meses.

En materia de mocidade e deporte, destacouse a mellora das instalacións deportivas municipais, con especial mención á recente actuación no pavillón da Cañota e a inminente finalización das obras no pavillón do Sequelo. Así mesmo, están a realizarse melloras puntuais noutros recintos deportivos utilizados por clubs locais, que acollen a un importante número de mozos.

Outro dos puntos abordados foi a esperada inauguración do Auditorio, que será un antes e un despois na vida cultural de Marín e onde os mozos poderán atopar novas vías de dinamización cultural, así como a futura construción dunha nova pista multideporte nas inmediacións da parada de autobús. Ademais, tratouse a posibilidade de reactivar o proxecto do centro de lecer xuvenil nas antigas instalacións do Liceo Casino.

Así mesmo, púxose en valor a aposta do actual equipo de Gobierno pola formación e o emprego xuvenil, a través da posta en marcha de diferentes cursos formativos, lanzadeiras de emprego e programas integrados de emprego, orientados a mellorar a empregabilidade e as oportunidades laborais dos mozos de Marín.

Desde Novas Xeracións tamén se subliñou a importancia de seguir apostando polas celebracións festivas do municipio, así como polo apoio constante ás asociacións e clubs deportivos, fundamentais no tecido social e xuvenil de Marín.

Por outra banda, Adrián Arias sinalou que nos próximos meses a organización xuvenil poñerá en marcha unha campaña de afiliación dirixida a mozos interesados en formar parte da agrupación xuvenil do Partido Popular. Así mesmo, avanzaron a celebración dunha charla na que participarán dous deputados novos do partido a nivel autonómico e nacional.

Desde Novas Xeracións de Marín valoraron moi positivamente o encontro, destacando a proximidade e disposición ao diálogo de María Ramallo, así como a importancia de seguir traballando conxuntamente para mellorar as oportunidades e o benestar da mocidade local.

Comparte este artigo