O domingo 25 de febreiro terá lugar, no Pavillón da Montesiña, o acto homenaxe a Alfonso Pazos, nome co que pasará a chamarse o Pavillón en agradecemento a este veciño de Soutomaior por toda unha vida adicada ao baloncesto no concello.
O concello de Soutomaior xa ten data para o acto homenaxe a Alonso Pazos, será o 25 de febreiro. Un evento que terá lugar no Pavillón da Montesiña, un pavillón que pasará a levar o seu nome.
Alfonso Pazos foi durante varias décadas adestrador e presidente do Club Baloncesto Arcade e quen sempre levou a cabo calquera tarefa que fose necesaria para que os xogadores puidesen practicar o baloncesto nas mellores condicións. Numerosas xeracións de mozos do noso concello estiveron guiados polas súas ensinanzas sobre o baloncesto e sobre a vida, algo que agora o Goberno de Soutomaior quere honrar con este recoñecemento.
O acto homenaxe a Alfonso Pazos dará comezo o 25 de febreiro ás 12:30 no Pavillón da Montesiña cun acto institucional no que formarán parte toda a corporación municipal.
A continuación as protagonistas serán as alumnas e alumnos das escolas deportivas de baloncesto do concello que amosarán as súas habilidades na cancha coa presenza de Alfonso Pazos.
O momento máis emotivo chegará da man da intervención de persoas que tiveron relación con Alfonso Pazos e que estiveron vencelladas á historia do Club de Baloncesto Arcade.
O alcalde Manu Lourenzo será o encargado de pechar o acto e de agradecerlle, en nome de todas as veciñas e veciños de Soutomaior, todo o traballo e adicación que Alfonso Pazos destinou ao baloncesto no concello.
Tralas intervencións a corporación e familia acompañarán a Alfonso Pazos a descubrir a placa conmemorativa que levará o seu nome, Pavillón da Montesiña Alfonso Pazos.
Un acto que contará con máis sorpresas e no que tamén estará presente a música.
O alcalde, Manu Lourenzo, sinalou que poñer o nome de Alfonso Pazos ao pavillón municipal “responde á débeda histórica que o baloncesto e o deporte en xeral do noso concello ten con este ilustre veciño, quen durante décadas se entregou en corpo e alma a construír un Soutomaior mellor e para toda a veciñanza”.

