O actor Carlos Blanco da mañá o pistoletazo de saída ao primeiro fin de semana das Festas de Setembro cun variado programa de actividades

Redacción
  • Estos primeiros días de festa inclúen a Feira dos Remedios, o Festival Folclórico do Condado, a Festa do Pemento de Guláns e torneos de Hóckey e Tenis

O Concello de Ponteareas ten todo preparado para abrir o amplo calendario das súas agardadas Festas de Setembro, que se estenderán con actividades ao longo de todo o mes. A programación arranca con forza este primeiro fin de semana —os días 4, 5 e 6 de setembro— configurando un potente bloque cultural de tres xornadas que combina comedia, feiras tradicionais, grandes concertos e citas gastronómicas.

Na xornada do venres o pregón de Carlos Blanco, previsto para as 21.00 horas, será o comezo dunha fin de semana que concentrará algunhas das citas máis emblemáticas de Ponteareas. O propio venres, tamén ás 21.00 horas, abriranse os postos enogastronómicos na Praza Bugallal.  Os nenos tamén terán o seu protagonismo nesta xornada, estando previsto para as 12.00 horas o desfile de Xigantes e Cabezudos e  ás 17.00 horas haberá un obradoiro de Chapas e maquillaxe infantil, coas festas como protagonistas, nos xardíns da Xiralda.

O sábado 5 celebrarase a XVIII Feira Tradicional dos Remedios -catalogada de Festa de Interese Turístico Galego-, con artesanía, alimentación, oficios e obradoiros de Galicia, e o XXXIV Festival Folclórico do Condado, enchendo a vila de música tradicional e artesanía dende as 11.00 h. A esa mesma hora os grupos participantes no Festival Folclórico compartirán a riqueza da música e do baile tradicional galego polas rúas da Feira, haberá na Feira Vella unha mostra de apeiros, enxoval e aparellos, a Feira Gandeira e un monográfico do Can de Palleiro; un recuncho infantil na zona da casa do Concello e animación teatral rueira nas rúas da Feira 

Xantar popular

Destacar tamén o Xantar Popular, previsto neste caso para ás 13:30 horas na Praza de Bugallal, podendo degustarse, por un prezo de 15 euros, empanada, churrasco con patacas e rosquillas de postre. Ata mañá ao mediodía ainda se aceptan inscricións, enviando un correo a turismo@ponteareas.gal ou chamando ao 618705635. Será necesario ir caracterizados de época.

Completa a programación, ás 12.00 horas, o espectáculo de maxia “O Afiador do Mago Teto, na Praza de Bugallal, e  na mesma Praza o “Circo do Lume”, ás 21:15 horas. A música tradicional terá de novo protagonismo coa actuación, ás 22.00 horas na Rúa Morales Hidalgo, do grupo “Tanto Nos Ten”, aínda que dende as 19.00 horas tamén estarán presentes nas rúas da Feira os diferentes grupos participantes no Festival Folclórico, como son Muiños de Oliviera, Sadeo e Pedra de Garza de Fozara.

Festa do Pemento

A gastronomía local terá o seu cumio o domingo, día 6 coa celebración da “X Festa de exaltación do pemento de Guláns”, no Parque da Avisoureira, a partir das 10:30 h. Tamén o deporte terá o seu protagonismo nesta primeira fin de semana de festas, coa disputa do “IV Torneo Internacional Festas de Setembro” de Hockey, que se desenvolverá no Pavillón Álvaro Pino, durante o sábado e o domingo, para as categorías de micros, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. Ademais da presenza do anfitrión, nesta ocasión achegaránse ata Ponteareas un total de cinco equipos, chegados de diferentes puntos de España e Portugal.

Dende hoxe venres tamén acollen as pistas de tenis da Freixa o “XVII Torneo de Tenis Concello de Ponteareas”, para as categorías de Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Absoluto, Veteranos (+35, +50, +65) e Dobres. O torneo rematará o día 13.

Comparte este artigo