Obradoiros, actuacións musicais, contacontos, torneos deportivos, recollida de cartas para os Reis Magos polas parroquias e Cabalgata completan a oferta lúdico-festiva.
O alcalde da Lama, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, presentaron o amplo e variado programa de Nadal que irá especialmente dirixido ao público familiar e está “pensado para todos os gustos e idades”.
A programación deste ano contempla unha oferta lúdico-festiva composta por obradoiros, actuacións musicais, contacontos, torneos deportivos, recollida de cartas para os Reis Magos polas parroquias e unha gran Cabalgata acompañada por unha batucada, que terá lugar na tarde do 5 de xaneiro de 2025.
O calendario festivo comezará o 20 de decembro coa visita de Papá Noel polos comercios da vila, escoltado polos voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea e pola tarde, desde as 17 horas, terá lugar unha Festa Infantil con inchables no pavillón municipal de deportes.
O sábado 21 de decembro terá lugar un obradoiro de adornos de Nadal, para todas as idades, co fin de que os participantes poidan levarse para casa aqueles elementos decorativos feitos por eles mesmos. Realizarase de 11:30 a 13 horas no Multiusos da Lama.
A tarde do 23 de decembro, a partir das 17 horas, terá lugar no Multiusos da Lama un obradoiro de Nadal en Igualdade, cun taller de canapés de festa.
O 26 de decembro, as 17 horas celebrarase o Obradoiro “Diverciencia de Nadal”, coa animación dos monitores de Anias, no Multiusos da Lama. Ao día seguinte, terá lugar un espectáculo para toda a familia que baixo o título xenérico de “O libro máxico” levará aos asistentes a voar coa súa imaxinación a través de varios contacontos. Esta actividade terá lugar no Multiusos ás 17 horas.
O sábado 28 de decembro, os nenos e nenas da Lama irán ata Pontevedra para gozar das atraccións do Nadal Xogos. O autobús gratuíto sairá ás 16 horas das inmediacións da Casa Consistorial da Lama.
Este mesmo día terá lugar no pavillón municipal de deportes o II Torneo de Fútbol-Tenis Concello da Lama con premios para os participantes que deberán formalizar antes a súa inscrición.
O domingo 29 de decembro, a partir das 16 horas, tamén no pavillón municipal de deportes terá lugar o I Torneo Interparroquial de Nadal de Fútbol Sala coa participación dos equipos conformados nas distintas parroquias do municipio.
O luns 30 de decembro, en colaboración coa Xunta de Galicia, levarase a cabo un obradoiro de xogos contra a violencia de xénero baixo o título de “Agresión off”, con monitores de tempo de lecer, a partir das 17 horas no Multiusos da Lama.
O xoves 2 de xaneiro de 2025 levarase o cabo o percorrido dos Paxes Reais por todas as parroquias para recoller as cartas que os nenos e nenas queiran facer chegar aos Reis Magos.
O venres 3 de xaneiro, ás 17 horas, dará comezo o Torneo de Xadrez de Nadal, en categorías Sub-16 e +16 anos podéndose inscribir no mesmo, ata o 31 de decembro, todas aquelas persoas que queiran participar.
O sábado 4 tócalle o turno ao Concerto Solidario de Nadal, que nesta ocasión contará coa soprano cubana Dania Diva e chegará ás 19 horas ata a igrexa de San Salvador da Lama dentro do programa “Entradiñas de Aninovo” da Deputación de Pontevedra.
Finalmente, o domingo 5 de xaneiro terá lugar a Cabalgata de Reis polo centro da vila acompañada por unha batucada e a recepción real celebrarase no Multiusos onde haberá chocolatada con rosca e as Súas Maxestades posarán no fotomatón cos nenos e familias para que poidan levarse unha fotografía de recordo do seu paso pola Lama.

