Será o vindeiro 16 de marzo, sábado, ás 18h na Avenida de Puxeiros
O popular artista rueiro chileno, Karkocha, con millóns de seguidores en redes sociais, e que arranca gargalladas alí por onde pasa, fai parada en Mos o vindeiro 16 de marzo.
Formará parte da programación municipal do Programa Ocio en Familia da concellería de Participación Cidadá do Concello de Mos. Así o anunciaron hoxe a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a edil responsable do departamento de Participación, Julia Loureiro.
Karkocha é un popular arlequín moderno que percorre todo o mundo facendo que o público forme parte do seu espectáculo.
O sábado 16 de marzo ás 18.00 horas Karkocha chegará á Avenida de Puxeiros coa súa peculiar e rechamante indumentaria, coa súa maquillaxe e con esa voz que tanto lle caracteriza.
O arlequín Karcocha, natural de Chile, revolucionará coa súa arte rueira a principal vía da parroquia de Tameiga. Non faltarán as súas bromas máis populares nas que implica ao público e nas que todos e cada un dos asistentes (voluntarios ou involuntarios) son parte delas e obxecto das gargalladas. Moitas gargalladas. Con Karcocha non se libran nin os condutores que atravesan o seu espectáculo sen querer, nin os viandantes que tan só pasaban por alí.
Gerardo Castro, que ese é o nome real de Karcocha, natural dun pobo de Chile de nome Villa Alegre, di sobre sí mesmo e sobre o seu personaxe que «Gústame verme como un arlequín contemporáneo. Improviso na rúa, cos coches, cos peóns, con todo o que poida facer rir». Este arlequín parou o tráfico, literalmente, en Barcelona, Tokio, Londres, México, Nova York… e, agora, farao en Mos.
De neno gozaba do teatro no colexio e, cando facía vento, construía cometas con papel de xornal. «Karcochas, en Chile chamámolas karcochas», apunta. De maior trasladouse a Santiago para estudar Enxeñería en Comercio Internacional, pero entón chegou o flechazo: «Houbo unha explosión de arte rueira. Era alucinante. Había malabaristas, contacontos, paiasos e mimos. Cando vin o formato do mimo encantoume e as fins de semana facíao como pasatempo». Namorouse tanto do traballo que cambiou de carreira e matriculouse en Teatro, aínda que non durou moito. «Un ano despois pensei que mellor me ía a viaxar. A actuar polo mundo. E nunca máis volvín». Así naceu Karcocha, que destaca sobre o seu espectáculo que «Fago un humor súper sinxelo para que todos o pasemos ben, de nenos a adultos. Iso é o que caracteriza ao personaxe».

