O BNG acudirá á Valedora do Pobo ante a falta de transparencia de Telmo Martín

Redacción

 Os nacionalistas toman esta decisión, e non descartan medidas xudiciais, despois de que nos últimos meses o Goberno local non remitise a información solicitada sobre diferentes expedientes e proxectos no tempo e forma que marca a lei

 “Imos ir ata as últimas consecuencias para acabar coa opacidade e a política escurantista de Telmo Martín”, advirte o Bloque

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) informa de que, ante a falta de transparencia e de prácticas escurantistas por parte do Goberno local do Partido Popular, acudirá á Valedora do Pobo para esixir unha xestión máis transparente e áxil á hora de facer entrega de información solicitada pola oposición. Os nacionalistas non descartan, incluso, facer uso da vía xudicial para que se garanticen os seus dereitos á hora de realizar o seu traballo fiscalizador. “Non é unha situación agradable e tampouco é algo que nos guste, pero imos ir ata as últimas consecuencias para acabar dunha vez con todas coa opacidade e as desconsideracións coas que Telmo Martín actúa ante a oposición”, apunta o Bloque.

No que vai de 2026 foron xa varias as solicitudes que o BNG tramitou a través do Rexistro Municipal para conseguir información sobre diferentes expedientes e proxectos. Na meirande parte destes casos, a día de hoxe segue sen haber contestación por parte do Goberno municipal, a pesar de tratarse de peticións realizadas entre os meses de xaneiro e marzo. “Superouse con creces o prazo establecido pola lei, dun xeito sistemático. Este é o proceder de Telmo Martín, a quen semella que non lle gusta que a oposición non faga o seu traballo, se cadra porque quizais ten cousas que esconder, como xa demostrou mentindo á veciñanza sobre o uso de aceiro ‘inox’ na balaustrada de pedra do Paseo de Silgar”, declaran os nacionalistas. O grupo da oposición informou a semana pasada ao Goberno de que dispuña de 72 horas para dar resposta ás solicitudes, feito que só cumpriron a medias. “Foi unha última instancia que fixemos por cortesía, xa que a lei nos ampara para tomar medidas máis drásticas. O que teñen que entender o Partido Popular e Telmo Martín é que o BNG representa a un gran número de veciños de veciñas de Sanxenxo que teñen dereito a coñecer o estado deses expedientes e proxectos. É lamentable que non poidamos realizar o noso traballo fiscalizador pola política escurantista do alcalde”, denuncian os nacionalistas.

Desde o Bloque lamentan que este proceder teña sido unha constante desde o principio do mandato. “Desde o primeiro momento o señor Martín tivo claro que un dos seus obxectivos ía ser facer e desfacer ao seu antollo pasando por riba da oposición, como así o demostra o feito de que suprimise toda representación do resto de partidos da Corporación das entidades públicas que xestiona o Concello”, critica o BNG, que garante que fará todo o que está na súa man para obrigar a Telmo Martín a respectar a lei “e a toda a veciñanza”.

Comparte este artigo