O BNG acusa o PP de facer propaganda co Punto Limpo mentres seguen sen resolverse carencias básicas

Redacción

O candidato do BNG á Alcaldía da Estrada, Marcos Borrageros, considera que as novas actuacións anunciadas no Punto Limpo poden supoñer algunha mellora puntual, pero critica que o Partido Popular continúe coa súa permanente campaña de propaganda arredor dunha instalación que segue arrastrando deficiencias importantes.

«Non cuestionamos que se fagan melloras, faltaría máis. O que cuestionamos é que cada pequena actuación se presente como unha mostra dunha xestión extraordinaria cando a realidade diaria que trasladan usuarios, veciñanza e os propios traballadores é bastante diferente», sinala Borrageros.

O BNG lembra que as queixas polo funcionamento das instalacións e polo estado da súa contorna non son novas. A acumulación de residuos no exterior, as deficiencias no funcionamento e as condicións nas que se desenvolve o traballo levan tempo sendo motivo de queixa.

Borrageros formula neste sentido unha pregunta moi concreta ao Goberno municipal: «Se o Punto Limpo está tan ben xestionado como nos contan, por que foi necesario limpar e retirar os residuos acumulados no exterior precisamente na véspera da visita da conselleira?»
Para o candidato nacionalista, «se hai que preparar o escenario antes dunha visita institucional, quizais a fotografía que se pretende ofrecer non coincide exactamente coa realidade que atopan os usuarios calquera outro día».

O BNG considera especialmente preocupante a falta de auga corrente no Punto Limpo. Nunha instalación destinada á recepción e almacenamento temporal de residuos de distinta natureza, esta carencia suscita preguntas evidentes sobre as condicións de traballo e hixiene e, sobre todo, sobre a seguridade e a capacidade de resposta diante dunha incidencia ou dun eventual incendio.

A formación nacionalista evita facer afirmacións sobre a legalidade da instalación sen coñecer as condicións concretas da súa autorización, pero considera que precisamente por iso é o Concello quen debe dar explicacións. O BNG reclamará que se aclare se o Punto Limpo cumpre todas as condicións técnicas e de seguridade esixidas, que sistemas de prevención e extinción de incendios existen e como se xustifica que os traballadores desenvolvan a súa actividade sen dispoñer de auga corrente.

«Antes dunha nova fotografía ou dunha nova nota de prensa falando das bondades da xestión municipal, estaría ben resolver cuestións bastante máis elementais. Un Punto Limpo necesita mantemento, medios, condicións dignas para os seus traballadores e unha xestión correcta os 365 días do ano», afirma Marcos Borrageros.

O BNG reclama unha revisión do funcionamento das instalacións que teña en conta tamén as observacións dos traballadores e as reiteradas queixas da veciñanza. Reclama igualmente que o Concello informe con transparencia das actuacións realizadas, das que quedan pendentes e das condicións técnicas nas que funciona actualmente o recinto.

Borrageros considera que as actuacións anunciadas son positivas na medida en que corrixan problemas existentes, pero lembra que unhas melloras puntuais non converten automaticamente en boa unha xestión que leva anos acumulando queixas e carencias.
«As melloras son benvidas, aínda que cheguen tarde. O que non aceptamos é que sirvan para alimentar unha campaña permanente de propaganda sobre un servizo que segue tendo problemas moi básicos. Menos posta en escena e máis atención ao funcionamento diario do Punto Limpo», conclúe o candidato do BNG á Alcaldía da Estrada.

Comparte este artigo