O BNG critica a Telmo Marín por centrar todos os investimentos importantes “no quilómetro cero de Sanxenxo”

Redacción

Os nacionalistas votaron en contra da aprobación do proxecto do Mercado de Abastos e tildan de “despilfarro” os máis de 5 millóns de euros que se gastarán nunha actuación que non soluciona moitos dos problemas dos que padece Sanxenxo

O concelleiro e voceiro Octavio González insistou, na mesma liña que vén mantendo o Bloque neste tema, que “hai outras prioridades maiores ca política de formigón do alcalde, como garantir servizos no rural”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) desmárcase do ‘semipelotazo’ que Telmo Martín e o Partido Popular queren acometer no centro de Sanxenxo co proxecto do futuro Mercado de Abastos. Unha nova obra faraónica que dista moito de dar resposta a prioridades e necesidades da veciñanza e que contará cun investimento superior aos 5 millóns de euros. “Unha vez máis, o señor Martín céntrase en destinar grandes investimentos exclusivamente no quilómetro cero, sen ter en conta demandas históricas que reclaman moitos veciños e veciñas”, sinalou o voceiro nacionalista, Octavio González.

Durante a súa intervención, González deixou claro que o BNG non vai ser cómplice “do despilfarro e o desgaste” que supón a nova ocurrencia megalómana do alcalde. “Estamos a falar de máis de 5 millóns de euros para unha obra que demostra claramente o que é a política de formigón de Telmo Martín: prometer e investir cartos en proxectos faraónicos que, ou ben non acaban realizándose ou terminan no esquecemento e cunha evidente falta de mantemento”, sinalou o concelleiro do Bloque.

Octavio González deixou clara a postura do BNG ao respecto: “entendemos que en Sanxenxo hai outras prioridades e opcións para investir eses cartos. Poderíase buscar unha unificación dos Mercados de Abastos e, sobre todo, priorizar o rural, que continúa completamente abandoado por parte deste Goberno local, con servizos básicos que non funcionan e vías e camiños deteriorados desde hai décadas”,
denunciou. Ademais, outra cuestión coa que o BNG non está de acordó é co número de estacionamentos que prevé o proxecto do Mercado.
“Fálase de 30 prazas, pero non hai ningunha outra alternativa para facer aparcadoiros disuasorios na contorna, o que provocará un maior colapso de tráfico no centro de Sanxenxo, especialmente no verán”, augurou Octavio González. “Ogallá existise outra alternativa a este ‘semipelotazo’, que fose consensuada coa cidadanía e co resto da Corporación, pero xa coñecemos a forma de actuar de Telmo Martín, máis interesado en apartar aos grupos da oposición de todas as entidades e empresas públicas do Concello”.

O alcalde bota balóns fóra coa baranda de Silgar

Durante a sesión plenaria, na quenda de rogos e preguntas, a compañeira nacionalista Estrella Martínez, instou ao alcalde a que aclarase de maneira definitiva que vai suceder co tramo da balaustrada de Silgar, de máis de 100 metros de extensión, entre o cruce coa rúa Rosalía de Castro e o miradoiro situado na zona máis próxima de Punta Vicaño. Unha vez máis, o señor Martín limitouse a tirar balóns fóra, negando que houbese substitución por unha estrutura de metal e falando dunha suposta adaptación. “Era moi sinxelo rectificar e admitir que agora o Goberno local, ante a resposta da veciñanza, está a recuar, pero o alcalde non foi quen de facelo”, sinalan desde o BNG, que pon o foco nas constantes contradicións nas que cae o alcalde ao falar deste tema e no nerviosismo que está a provocar no Partido Popular, que “ata lle leva a aprobar e apoiar mocións presentadas polos grupos da
oposición, como pasou hoxe co voto a favor de tres concelleiros do Goberno a unha moción presentada polo grupo socialista”.

O BNG reafirma o seu compromiso a seguir defendendo que a balaustrada de Silgar sexa mellorada, pero apostando por fórmulas que garantan a súa preservación e sen necesidade de instalar ‘inox’, o que “supón acabar cunha estampa histórica das nosas xeracións”.

Comparte este artigo