O BNG critica a xestión das obras do Forte e o vial de praias

Redacción
Lectura mínima de 3

A formación nacionalista alerta a paralización e baixa execución das obras da senda entre Forte e Mogor e advirte dos problemas de seguridade e accesibilidade para a veciñanza, así como do posible risco de perda de preto de 600.000 euros de fondos europeos

O BNG solicitou información na última comisión informativa de urbanismo sobre a paralización das obras da senda peonil e ciclista entre a rúa do Forte e a praia de Mogor, unha actuación que foi presentada polo goberno municipal como clave para a mellora da mobilidade sostible. Segundo a información trasladada polo executivo local, a empresa adxudicataria, Oresa, ten paralizada a súa actividade debido á súa situación económica, o que impide continuar coa execución do proxecto. Cinco meses despois do inicio das obras, apenas se executou arredor dun 15% da actuación.

Ademais, a formación nacionalista denunciou as graves consecuencias que esta situación está a provocar na veciñanza. As persoas residentes na rúa do Forte sofren importantes problemas de accesibilidade e seguridade, con rúas levantadas e accesos limitados ás súas vivendas, mentres que a senda das praias permanece inutilizable, o que podería afectar á tempada de verán. O BNG lembra, así mesmo, que xa advertira no inicio das obras do incumprimento de medidas de seguridade por parte da empresa construtora, así como das dificultades de acceso para a veciñanza afectada.

As obras da Rúa do Forte e o Vial de Praias Trátase dun dos proxectos máis importantes do Plan de Sostibilidade Turística, financiado polo Fondo de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, cun investimento de 564.113,26 euros. O BNG advirte de que a paralización das obras pode supoñer a perda de preto de 600.000 euros destinados a este plan, o que obrigaría ao Concello a iniciar un novo proceso de licitación.

Para o BNG, este non é un caso illado, senón unha mostra máis da falta de planificación e control do goberno municipal. Neste sentido, sinala tamén a paralización do proxecto do local de ocio xuvenil e arquivo municipal no Antigo Liceo Casino desde 2023, os retrasos e sobrecustes nas obras de saneamento do Lameira, así como as modificacións constantes nas obras do Centro Cultural.

Ante esta situación, o BNG esixe ao goberno municipal maior rigor na planificación e execución das obras públicas, así como transparencia na información sobre o estado dos proxectos.

Comparte este artigo